Ignacio Vidal Portabales é o nome do gañador do XXX
Premio de Novela Longa Blanco Amor. Entre as novelas finalistas do certame,
“Dióxenes en Dolorida” e “Tara”, o Xurado acordou outorgar finalmente o
galardón á primeira, presentada co lema “Arieira” e o título de “Dióxenes en
Dolorida”. Aberta a plica da novela premiada, o autor da obra gañadora resultou
ser o veciño de Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales.
Nado
en 1958 en Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito
e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e
Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
No ámbito profesional,
ademais de numerosos artigos científicos de temática xurídica, publicou os
seguintes libros: O contrato de patrocinio publicitario no Dereito Español
(1988), O réxime xurídico da liquidación na Sociedade Cooperativa Galega
(2004), e Sociedade da Información e Empresa (2010). No plano
literario, obtivo, na súa mocidade, diversos premios de poesía: Premio
Universitario San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) ou o 2º premio no II
Certame Literario de Ribadeo.
Dióxenes
en Dolorida é a súa primeira novela en lingua galega. Unha obra que salienta,
segundo o Xurado, pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de
diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación
dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico. Tamén salienta o Xurado
o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a
propia construción do personaxe protagonista.
Ignacio Vidal Portabales recibirá o
Premio Blanco Amor nunha gala organizada polo Concello de Fene que se celebrará
mañá sábado, a partir das nove da noite, no local da SCRD Agarimo de Sillobre.
O acto, ao que está previsto que asistan representantes da Xunta, Deputación da
Coruña e dos Concellos patrocinadores, así como gañadores de anteriores
edicións do Premio, contará coa actuación do grupo de jazz Cool
Hamsters.
Compartir
No hay comentarios:
Publicar un comentario