martes, 13 de noviembre de 2012

O 25 DE NOVEMBRO COÑECERANSE AS NOVELAS FINALISTAS DA XXX EDICIÓN DO PREMIO DE NOVELA LONGA “EDUARDO BLANCO AMOR”




O fallo do xurado e a entrega do Premio terán lugar o vindeiro 1 de decembro, nun acto que se desenvolverá nas instalacións da SCRD Agarimo de Sillobre a partir das 21 horas.

O xurado encargado de fallar esta edición do Premio está formado pola Concelleira de Cultura e Deportes, Rocío A. Bértoa Puente, que actúa como Presidenta e polos escritores e críticos literarios Xosé Mª Dobarro Paz, Miro Villar, Manuel Lourenzo González (último gañador do Blanco Amor) e Marga Romero, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o coordinador técnico desta edición do Premio, Daniel Romero.

Publicadas as novelas finalistas, o xurado dará a coñecer a novela gañadora e as razóns deste merecemento nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de decembro, ás 21 h, no local da SCRD Agarimo de Sillobre, acto no que se procederá á entrega do Premio e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.

Aspiran ao Premio, dotado con 12.020 euros, un total de 54 novelas, escritas en lingua galega e cunha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.

Tal e como sinalaba a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Dolores Vilavedra, “o interesante do Blanco Amor é que é un galardón civil e unha boa maneira de tomarlle o pulso literario á sociedade galega”. Dende 1981, escritores como Daniel Cortezón, Víctor Freixanes, Ursula Heinze, Suso de Toro, Francisco Castro, Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde fixéronse cun galardón singular, itinerante e mancomunado. Un premio cuxa nómina de gañadores, segundo a filóloga e escritora Inma López Silva, ofrece a posibilidade de analizar a narrativa galega do tramo final do século XX e comezos do XXI. “Permíteche estudar os últimos anos da nosa literatura”, sinala López Silva, quen se converteu na segunda gañadora feminina (a primeira foi Ursula Heinze) do certame en 2007.

En paralelo aos labores do xurado, o Concello de Fene, organizador desta edición do Blanco Amor, prosegue co ciclo de actividades programadas ao redor do propio Premio e da figura de Blanco Amor. Eis, no ciclo de faladoiros con gañadores do Blanco Amor, o 15 de novembro, ás 19 h visitará a Biblioteca Municipal Xesús Rábade Paredes, nun faladoiro conducido por Verónica Martínez Delgado e o 22 de novembro, á mesma hora, o faladoiro con Inma López Silva estará conducido por Mercedes Queixas.

O 23 de novembro, ás 20:30 h, o CCRD de Perlío acollerá a rememoración da única homenaxe en vida a Blanco Amor que organizara o Círculo de Perlío o 10 de decembro de 1976. A rememoración consistirá na estrea da obra de Don Eduardo “O cantar dos cantares” a cargo do grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé, do CMI Unidade de Fene, dirixido por Carlos Basoa.
Tamén até o 23 de novembro pode visitarse na Casa da Cultura de Fene a “Exposición-homenaxe a Blanco Amor”. Dezaoito ilustradores/as de primeiro nivel participan nesta exposición promovida polo Museo do Humor de Fene e comisariada polo debuxante Siro López. Compoñen a mostra orixinais de Aida Alonso, Almudena Aparicio, Calros Silvar, Dani Padrón, Idoia de Luxán, NachoHortas, Pablo Otero, Pinto e Chinto, Xan Carpente, Xosé Cobas, Xosé Lois, Siro Lopez Lorenzo, Santy Gutiérrez, Michel Casado, Augusto Metztli, Gonzalo Vilas, Jaime Asensi e Miki.

No hay comentarios:

Publicar un comentario