O vindeiro xoves, 15 de novembro,
volven os faladoiros con gañadores de anteriores edicións do Premio de novela
longa “Eduardo Blanco Amor”. Esta nova tertulia, protagonizada polo escritor
Xesús Rábade Paredes, será conducida pola tamén escritora Verónica Martínez
Delgado. Celebrarase o xoves 15 de novembro ás 19:00 h. na Biblioteca
“Xosémaría Pérez Parallé” (Casa da Cultura de Fene).
Os faladoiros, organizados polo Concello de Fene coa colaboración da
Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, pretenden achegarlle á
veciñanza en xeral a obra dalgúns escritores que gañaron o premio Blanco Amor
nalgunha das edicións organizadas por concellos da comarca de Ferrolterra ou que
teñen un especial vencello coa nosa bisbarra.
Nesta ocasión quen nos visita é Xesús Rábade Paredes, gañador do Blanco
Amor no ano 2006, convodada polo concello de Cedeira, coa obra Mentres a herba medra.
Trátase dunha novela na que se
cruzan, en conxunción coral e sobre un ritmo jazzístico de fondo, tres
xeracións que dialogan e debaten. Como na vida mesma. Desde a fanada esperanza
republicana dos máis vellos á expresión vitalista dos seus netos rebeldes,
criados na abundancia e nas trampas do consumo.
En Mentres a herba medra o
mundo urbano, omnipresente, e o rural, evocado, simbolizan a andaina dun país
que se afirma e se transforma.
Xesús Rábade Paredes é catedrático de Lingua e Literatura, poeta,
narrador, ensaísta, articulista e tradutor. Membro do colectivo de renovación
poética Cravo Fondo, a súa obra foi
antologada e traducida a varias linguas.
Como poeta, obtivo os premios Manuel Antonio (O sangue, xunto con Helena Villar Janeiro), Esquío (Poldros de música) e González Garcés (Os dedos dos loureiros). Como narrador,
tamén se fixo co premio Galicia (Morrer
en Vilaquinte, xunto con Elena Villar Janeiro), co Álvaro Cunqueiro (con Branca de Toboso) e co Blanco Amor (Mentres a herba medra) É membro fundador
do PEN Clube de Galicia.
Ademais, ten publicadas, entre outras, as seguintes obras:
Obra poética: Xuntos cara ó mañán (1969), O sangue na paisaxe (1979), No aló de nós (1981), Matria de sombra (1987), Cabeleira de pedra (1993),
Obra narrativa: A terra prometida (1974), Saraverde (1987), A palabra secreta (1989), As
sombras do barroco (1994), Como levar
un morto (2001)
Obra ensaística:
Símbolos de Galicia (1979), Literatura século XX (1985), Recuperar a voz (1993), A vida de Manuel
Murguía (2000).
Realizou estudos críticos sobre Rosalía, Pondal, Cunqueiro, Blanco-Amor
ou Neira Vilas.
Máis información sobre o autor en http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=xesrabad
NOTA:
O faladoiro con Xesús Rábade Paredes estaba programado inicialmente para o
pasado mes de outubro pero, por unha leve indisposición do escritor, tivo que
ser aprazado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario