
A inauguración terá lugar o vindeiro 7 de maio ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Fene.
A Concellaría de Cultura e Deportes, en colaboración co Consello da Cultura Galega, Centro Galego das Artes da Imaxe e Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, amosará na Casa da Cultura de Fene desde o vindeiro luns, 7 de maio, a exposición “Os Adeuses”, con fotografías sobre a emigración galega do retratista coruñés Alberto Martí Villardefrancos. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Secretaría Xeral de Medios da Presidencia da Xunta de Galicia, permanecerá na Casa da Cultura de Fene até o mércores 30 de maio.
“Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí” é unha exposición que recrea en imaxes o éxodo galego cara a América nas décadas dos anos cincuenta e sesenta do século XX, desde os portos de Vigo e A Coruña, e o posterior regreso a Galicia. As imaxes que conforman a mostra distribúense en tres áreas: A Ida, A Volta e O Buque Santa María, reflectindo as experiencias das despedidas de moitos galegos emigrantes cara a América nos anos cincuenta e sesenta do século XX desde os portos de Vigo e A Coruña.
Como complemento da mostra, tamén se proxectara durante o mes de maio na Casa da Cultura de Fene o documental “O Buque Santa María” (1961). Trátase dunha reportaxe de Alberto Martí sobre o secuestro do buque portugués Santa María que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). A peza acompáñase duns emotivos capítulos do NO-DO que recrean con imaxes da chegada a Vigo, en febreiro de 1961, dos secuestrados polo DRIL en xaneiro dese ano.
Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) é considerado un “retratista de historias humanas” e cada unha das fotografías que conforman esta exposición desborda emoción, sentimento, frescura e naturalidade. Alberto Martí leva máis de 70 anos dedicado á fotografía, e traballou durante 50 anos como reporteiro de “La Voz de Galicia”. Recibiu gran cantidade de premios nacionais e internacionais, en cidades como Madrid, Barcelona e Bos Aires, e parte da súa obra está publicada nun libro monográfico editado polo Concello da Coruña..
Con estas fotografías, Alberto Martí foi enchendo de forma sistemática e paciente a súa cámara fotográfica de figuras e de sentimentos, de esperanzas e de tristezas. Neste senso, o que amosa a exposición é unha etapa ben concreta da emigración americana, a década dos anos cincuenta. Este fenómeno representou un proceso cheo de luces e sombras pero que constituíu un dos aspectos fundamentais da historia contemporánea galega porque afectou a todas as facetas da vida económica, política e social. O título da exposición simboliza o mundo dos sentimentos que acompañaron a persoas, baúles, fardos e maletas, gravándoos para sempre na memoria colectiva.
As fotografías, de tamaño 40x40 cm, están montadas en marcos de madeira natural en 60x70 cm. Todas elas están positivadas en papel baritado de gelatinobromuro de prata da marca Ildord e viradas ao selenio para a súa conservación. A maioría das fotos nunca se revelaron.
José Caruncho. Coordinador técnico, positivado e selección das fotografías
José Caruncho leva 20 anos dedicado á fotografía profesional. Realizou máis de 25 exposicións individuais e participou en máis de 30 colectivas. Os seus traballos máis importantes son a colección de Homenaxes composta por 21 fotografías, coleccións de retratos e as coleccións dedicadas a espazos naturais de Galicia e á Galicia rural, recollidas na publicación Olladas do silencio. Participou e publicou varios libros entre os que destacan: Positivado en Branco e Negro polo Centro de Estudos fotográficos, Rocas do tempo de Caixa Galicia, Muros alma mareira do Concello de Muros, Homenaxes de Edicións Budi, Olladas do silencio da Xunta de Galicia.
Comisariou exposicións sobre Inocencio Schmidt das Heras. A súa obra atópase en diferentes coleccións institucionais e privadas, onde destaca A Verve Fine Arts Gallery, New Mexico/EUA e a Harry Ramson Center Photography, University of Texas/Austin EUA, unha das mellores coleccións de fotografía do mundo e que no ano 2007 compráronlle a colección das 21 Homenaxes.

No hay comentarios:
Publicar un comentario