viernes, 4 de mayo de 2012

O FOTÓGRAFO CORUÑÉS ROMÁN MONTESINOS DOA UNHA OBRA AO MUSEO DO HUMOR DE FENE


A entrega oficial está prevista para as oito do serán e contará coa presenza do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego

Coincidindo coa clausura da súa exposición “Vórtices Neuronales. Metáforas Visuales” na Casa da Cultura de Fene, o fotógrafo Román Montesinos fará entrega esta tarde ao Museo do Humor dunha das obras presentes na mostra. A peza, titulada “Tacitas de café”, exhibirase dende a vindeira semana na Sala do Humor Negro.

A entrega oficial está prevista para as oito do serán e contará coa presenza do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego.

Román Montesinos naceu na Coruña en 1952. Comezou a súa andaina fotográfica a finais dos anos 60. Xeólogo, especializado en Paleontoloxía, actualmente é profesor na Universidade da Coruña. A obra fotográfica deste artista tense vinculado coa fotografía metafórica (metáforas visuais – poesía visual). Nas súas fotografías tenta evocar distintos tipos de sentimentos, conxugando o material –obxectos diversos- co anímico. Na súa obra predominan os dobres sentidos e, con moita frecuencia, un humor subxacente.

Montesinos é autor de máis dunha ducia de exposicións individuais: na Coruña (Asociación Alexandre Bóveda, libraría Arenas e dúas veces na Facultade de CC da Educación). Tamén no Concello de Culleredo, na Universidade de Oviedo, en Do Forno, en Lugo, na Universidade de León, en Casa Charry do concello de Oleiros e, colectivamente, en Madrid e Culleredo (A Coruña).

A súa obra foi difundida en medios de prensa nacionais e internacionais (Boston, USA) e, virtualmente, na agrupación fotográfica F11 de Alemania, con dúas exposicións monográficas en decembro de 2008 e xaneiro de 2011.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario