viernes, 9 de noviembre de 2012

MARISOL GANDARA SANCHEZ OBTÉN A XXV EDICIÓN DO PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSEMARÍA PÉREZ PARALLÉ


Marisol Gándara
O xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido no Círculo Mercantin e Industrial Unidade de Fene, acordou outorgar o premio deste ano á obra Testamento poético. Ao entender dos membros do Xurado, o libro destaca polo uso coidado da linguaxe, mantendo unha estrutura de “cartas poéticas” nunha voz persoal e directa, ademais de manter un ton reflexivo de carácter existencial e solidario.

Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Marisol Gándara Sánchez.

A autora, naceu en Francia en 1981. Veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes. É Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung. A autora remarca que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
Xurado 2012

O xurado desta edición do Premio estivo integrado polas escritoras María Rosendo Priego (gañadora da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e Dores Tembrás, así como polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello.

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, instituído desde hai vintecinco anos polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene convócase, seguindo a senda xa instituída polo “Segrel do Penedo”, coa finalidade de promover a escrita literaria na nosa lingua, especialmente entre as novas xeracións.

Desde o ano 2005 o certame, convocado coa colaboración do Concello de Fene, premia un libro individual dun autor ou autora inédita procurando, deste xeito, abrir espazo para persoas que inician a súa andaina nas letras galegas. Desde entón, acadaron o certame Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo e Lorena Souto.

Marisol Gandara súmase así a unha listaxe de nomes que fan parte dunha nova xeración poética que irrompe con pulo no panorama literario do país.

O premio para o autor da obra gañadora consiste na publicación do volume na colección de poesía Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello e conta cunha gratificación ecónomica de 500 €. Ademais, faráselle entrega dunha escultura conmemorativa deseñada especialmente polo ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

O acto de entrega do premio terá lugar o próximo 17 de novembro, sábado, ás 20.00 na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, en presenza do alcalde de Fene Gumersindo Galego. Para celebrar o XXV edicion do premio, ademais da entrega do galardon a obra premiada este ano, habera un recital poetico no que participaran case todos os gañadores e gañadoras das últimas edicións do certame. O acto pecharase cunha actuación do Coro da Rá dirixido por Ramón Bermejo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario