miércoles, 21 de noviembre de 2012

A ESTREA DE ‘O CANTAR DOS CANTARES’ REMEMORA A HOMENAXE EN VIDA A EDUARDO BLANCO AMOR



A rememoración terá lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, ás 20:30 h. nas instalacións do Círculo de Perlío e consistirá na estrea da obra de Blanco Amor ‘O cantar dos cantares’, a cargo do grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé do CMI Unidade de Fene e baixo a dirección de Carlos Basoa.


O 10 de decembro de 1976 o Círculo de Perlío organizaba a que, segundo Siro López, foi a única homenaxe en vida que se lle rendeu ao xenial novelista ourensán.

No marco dos actos programados para arroupar a convocatoria da XXX edición do Premio de novela longa “Eduardo Blanco Amor”, que este ano lle correspondeu ao Concello de Fene, a Concellería de Cultura, en colaboración co Círculo de Perlío e o CMI Unidade de Fene, programou a rememoración daquela homenaxe na que o Grupo de Teatro do Círculo de Perlío representou ‘A tía lambida’. Formaban parte daquel grupo de teatro, dirixido por Celestino Ledo, as actrices Mabel Rivera, Elina Luaces, Mara Vargas, Carmen Edexia, Mariló Serantes, Marga Cabrera, Mari López, Xoana Balado e María del Carmen Lorenzo e os actores Carlos Basoa, Ramón Espada, Francisco Oti, Carlos Neira, Xoaquín Pérez, Xosé Vicente Martínez, Valentín García, Luis Martínez, Roberto Fernández, Xulio César González, Manolo Caldevilla, José de Bernardo e Luís Mecías.

Dous dos que actuaron para don Eduardo, Carlos Basoa e Mari López, regresan ao mesmo escenario, trinta e seis anos despois, desta volta enrolados nun novo proxecto teatral, o grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé do CMI Unidade de Fene, para revivir aquela homenaxe.

Dirixidos polo propio Carlos Basoa e cun cadro escénico formado por Elisa Naveiras (no papel de Garela), Mari López (no papel de Balbina), Manuel Novo (dándolle vida a Martiño), Carlos Basoa (como don Marcial), José L. Acosta (Alberte), Lucía Méndez (Xulia) e María Basoa á fronte das luces e son, estrearán a obra de Blanco Amor ‘O cantar dos cantares’.

A obra, que presenta unha síntese cultural e antropolóxica da Galicia rural da posguerra, co caciquismo predominante naquela época, está dividida en dúas partes con personalidade e argumentos propios sen relación algunha. Na primeira están presentes, contos, comentarios maliciosos e frivolidades que complican a trama sen que os homes teñan case intervención. A seguinte, preséntanos a un crego conservador, que loita contra as novas ideas que xa comezan a xurdir nas aldeas e que, neste caso, son protagonizadas polo novo crego, que non aparece en escena, un estudante de medicina que ten relación cunha rapaza que vai para costureira, e un matrimonio labrego, pais da rapaza, que comezan estar fartos do dominio e asoballamento de don Marcial

Ao fío desta rememoración da homenaxe, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego Feal, manifestou: “Este ano, no que ao Concello de Fene lle corresponde a organización da XXX edición do Premio de novela longa “Eduardo Blanco Amor”, a programación cultural municipal xirou sobre dúas grandes eixes de actividades. Por unha banda, as relacionadas coa convocatoria do Premio e a súa significación no panorama literario galego e, pola outra, as dirixidas á divulgación da vida e obra de Blanco Amor.

E nesta liña de divulgación, nada mellor que rememorar a única homenaxe en vida que se lle rendeu a Blanco Amor, a que organizou o Círculo de Perlío o 10 de abril de 1976 e da que queda constancia tanto na sinatura de don Eduardo no libro de honra do Círculo coma na dedicatoria de Xente ao lonxe que podedes consultar na biblioteca da entidade.

Homenaxe, a de 1976, na que Siro López foi o nexo de unión entre o Círculo e Blanco Amor, e que foi  promovida pola xunta directiva constituída por:
Presidente: Xosé L. Sánchez Vázquez
1º Vicepresidente: Manuel López Antón
2º Vicepresidente: Francisco Eibe Caínzos
Secretario: Xosé Lamas Rivera
Vicesecretario: Xosé Herva Bouza
Tesoureiro: Xoán C. Basoa Seixo
Contador: Carlos Fernández Sanjuán
Bibliotecario: Xesús Rivera Piñón
Vocais: Xosé M. Herva López, Valentín García Modrón, Roberto Martínez Trinquete, Carlos Fernández Domínguez e Xaime Rivera Castro

Vaia para todas as persoas que promoveron e participaron naquela homenaxe, para a veciñanza de Fene que respondeu maioritariamente á convocatoria do Círculo de Perlío o noso público recoñecemento co desexo que esta rememorización da homenaxe de 1976 a gala de entrega do Premio de Novela que vai ter lugar o vindeiro 1 de decembro contribúan a manter viva a nosa cultura e o legado de Blanco Amor e a nosa cultura.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario