martes, 9 de octubre de 2012

XAVIER ALCALÁ NOS FALADOIROS CON GAÑADORES DO BLANCO AMOR



                        A Biblioteca Municipal de Fene acolle este xoves, 11 de outubro, ás 19:00 horas, un novo faladoiro co escritor Xavier Alcalá, Premio Blanco Amor 1988 con “Alén da desventura”. O acto, conducido por Alfredo Ferreiro, enmárcase no ciclo de encontros con gañadores do Blanco Amor promovido pola Concellaría de Cultura de Fene en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

            O faladoiro desta semana xirará sobre “Alén da desventura”, novela ambientada na época da Ilustración e coa que Alcalá gañou o Blanco Amor en 1988, na edición convocada polo Concello de Culleredo. Trátase dun romance cheo de intrigas e aventuras na época da Ilustración, persoas e pobos arrastrados polos conflitos entre as grandes potencias navais, debates aínda hoxe non resoltos. Sen dúbida, unha gran novela e unha peza máis na recuperación da memoria colectiva.

            Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de telecomunicacións amais de colaborar na prensa, actualmente cunha columna en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a nenez, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), obra á que ían seguir títulos coma A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996 )e Alén da desventura, novela coa que obtería o Premio Blanco Amor no ano 1998.

            Na súa obra cómpre salientar o conxunto de novelas e contos  nas que, segundo a súas propias palabras <>
            Mención á parte, merece a publicación da triloxía "Evanxélica memoria", na que se relata a epopea das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007).

            Recentemente ven de publicar Verde oliva (2012), obra na que o autor narra en primeira persoa a historia dunha inmigrante burguesa que se converte en axente do 26J e participa en misións arriscadas durante a revolución castrista. Xavier Alcalá conta na súa nova novela as aventuras e desventuras de Mariana, a galega enguedellada nunha revolución mítica contra o tirano que sometera a illa de Cuba. Velaquí Verde oliva, a historia desta filla de galego e crioula que se integra nunha rede secreta de axentes encargados de destruír o réxime do ditador.


No hay comentarios:

Publicar un comentario