martes, 23 de octubre de 2012

VALENTÍN CARRERA NOS FALADOIROS CON GAÑADORES DO PREMIO DE NOVELA LONGA “EDUARDO BLANCO AMOR”



                O vindeiro xoves, 25 de outubro, ás 19:00 h, na Biblioteca Municipal de Fene, faladoiro con Valentín Carrera, gañador do Blanco Amor na edición de 1990 convocada polo concello de Narón coa obra Ríosil. O acto estará conducido por Tati Mancebo.

                Enmarcado no ciclo de faladoiros con gañadores do Blanco Amor que se ven desenvolvendo na Biblioteca Municipal de Fene dende o 20 de setembro, este xoves, 25 de outubro a partir das 19 h, contaremos coa presenza do escritor berciano Valentín Carrera, faladoiro conducido por Tati Mancebo.

                Valentín Carrera gañou o Blanco Amor en 1990 coa obra Ríosil., unha novela na que o autor transmite as súas experiencias no Gran Sol a bordo do buque As e na Primeira Expedición Española á Antártida.

                Escrita "á maneira de Truman Capote", despois de ler A sangre fría (como entón lle suxeriu o editor Víctor Freixanes), Ríosil é o relato veraz e crú das súas experiencias mariñeiras. O mar céltico. A mítica plataforma dos pescadores de altura. O vello mar dos traballadores antigos. Os peixes pastoreando nos fondos da inmensa chaira submarina do Gran Sol.

                Peixes, rapantes, marucas, rodaballos, rapes, bacallaus; a novela do mar a través dos ollos limpos dos seus protagonistas: a tripulación do arrastreiro Riosil que fai as mareas da Chápelle, Penmac´h e Melville, fronte ás costas de Irlanda e Bretaña, loitando pola supervivencia.

                Riosil, editado tamén en castelán co título La puta mar, é o retrato épico e sen compracencias da vida mariñeira: as cotas comunitarias, a vida a bordo, a escaseza de capturas, a dureza do traballo, o retorno a casa, o paro, o sexo, o contrabando, a ausencia, a frustración, o naufraxio de vidas e barcos. A historia tráxica de homes de aceiro, convertidos pola mar en puré de patacas. Os ulises galaicos do Riosil viven e morren no Gran Sol, soñando con volver a casa, “a velo burato por onde nacen os nenos”.

                Valentín Carreira, Ponferrada 1958, é escritor e xornalista, profesor universitario, autor de libros de ensaio, viaxes, novela; director de máis de oitenta documentais e series de TV. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, Doutor en Belas Artes por Salamanca, Master en Comunidades Europeas pola Escola Diplomática de Madrid. Premio Branco Amor de Novela 1990. Premio Galicia de Comunicación1991. Premio Francisco de Cossío de Xornalismo 1990. Aloitador de honra de Sabucedo, 2011.

                Publica o seu primeiro artigo en Aquiana, en 1971, aos trece anos; aos quince gaña o Premio Nacional de Redacción. No verán de 1975 presenta Panorama de Galicia, o informativo rexional de TVE. En 1984 director de Radio 80 Pontevedra. Redactor, corresponsal ou colaborador na Voz de Galicia, A Rexión, A Vanguardia¸ Viaxar, axencia EFE, O Correo Galego, Faro de Vigo, etc., escribe centos de noticias e crónicas ao longo de trinta anos de experiencia en prensa, radio, televisión. Productor executivo de IBISA TV de 1998 a 2010.

                Comentarista político en Radio Galega e columnista en Galicia Confidencial, con presenza activa en redes sociais; destila as súas Dores e diagnósticos no blog “Aí estamos” e analiza a actualidade galega en Tornarratos. Os seus últimos libros son dous ensaios xornalísticos, en colaboración con Yolanda do Campo, publicados en e-book por Edicións Lea: Municipais 2011 en Galicia: unha radiografía xornalística e As Eleccións Xerais do 20N na rede (en galego). Tamén impulsa a editorial en liña eBooksBierzo e prepara un novo libro de viaxes.

                Máis información sobre o autor na súa propia páxina web, http://www.valentincarrera.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario