martes, 9 de octubre de 2012

MÁIS DUNHA TRINTENA DE POEMARIOS A CONCURSO NO XXV PREMIO NACIONAL DE POESÍA PÉREZ PARALLÉ



Un total de 35 poemarios compiten na XXV edición do Premio, cuxa entrega terá lugar o vindeiro 17 de novembro nunha gala que se celebrará nas instalacións do CMI Unidade de Fene e que contará coa actuación do Coro da rá.

O premio, convocado polo CMI Unidade de Fene, coa colaboración do Concello de Fene e a editorial “Espiral Maior”, naceu co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que os participantes non poden ter publicado ningún libro individual de poesía, agás cando a súa edición correu por conta do autor.

Os autores e autoras participantes tiveron que presentar un libro de poesía en lingua galega. É responsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, nas bases recomendábase que estes poemarios teñan unha extensión mínima de 300 versos. A composición do xurado darase a coñecer no decurso da vindeira semana.

O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior e, por vez primeira, terá tamén unha gratificación económica de 500 € (suxeitos ás retencións impositivas que marca a lei) e, como símbolo do premio, entregarase á persoa gañadora unha escultura obra de Francisco Pérez Porto, artista plástico, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

No hay comentarios:

Publicar un comentario