jueves, 4 de octubre de 2012

MÁIS DE MEDIO CENTO DE ORIXINAIS PRESENTÁRONSE Ó PREMIO BLANCO AMOR



O gañador da XXX edición do Premio de Novela Longa “Eduardo Blanco Amor” darase a coñecer o 1 de decembro en Fene. A organización recae, por sorteo, cada ano nun concello diferente dos máis de medio cento que están comprometidos co proxecto. Nesta ocasión correspóndelle á localidade fenesa. O prazo de presentación de orixinais rematou o 28 de setembro e recibiron un total de 55 obras. Os requisitos que se lles pedían era que fosen textos inéditos, escritos en lingua galega, cunha extensión mínima de 150 folios.

O xurado encargado de decidir o gañador está formado por Rocío Bértoa, concelleira de Cultura de Fene; Xosé María Dobarro Paz (catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña); e os escritores Miro Villar, Marga do Val e Manuel Lourenzo González.

O gañador recibe un premio en metálico de 12.020 euros. Aínda que non está especificado nas bases, o prestixio desta convocatoria garante a publicación do texto gañador nalgunha das editoriais galegas de referencia.

Conferencias
Con motivo da entrega do XXX Premio Blanco Amor, o Concello de Fene organiza un ciclo de conferencias na que participan autores que obtiveron este recoñecemento nalgún momento da súa traxectoria literaria. O ciclo comezou coa intervención de Víctor Freixanes o 20 de setembro. O director de Galaxia gañou o certame na súa segunda edición (organizada polo Concello de Mugardos) con “O triángulo inscrito na circunferencia”. Esta mesma tarde a quenda será para Xesús Rábade Paredes, nunha tertulia conducida por Verónica Martínez Delgado. Rábade Paredes gañou o Premio Blanco Amor en 2006, coa novela “Mentres a herba medra”, nunha edición organizada polo Concello de Cedeira. Nesta obra tres xeracións confróntanse, desde a esperanza republicana dos máis vellos á rebeldía dos netos, criados na abundancia; do mundo rural dos recordos, á sociedade urbana da actualidade.

Rábade Paredes é catedrático de Lingua e Literatura, poeta, narrador, ensaísta, articulista e tradutor. Tamén é membro do renovador colectivo poético Cravo Fondo.

Entre os municipios da comarca que tamén organizaron o premio nestes trinta anos de existencia figuran Narón (en 1990, ano en que gañou Valentín Carrera) e Neda (en 2005, cando venceu Francisco Castro)

No hay comentarios:

Publicar un comentario