jueves, 13 de septiembre de 2012

Fene promove un ciclo de tertulias con gañadores do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor



Os escritores Víctor Freixanes, Xesús Rábade, Xavier Alcalá, Valentín Carrera, Francisco Castro e Inma López Silva son os convidados

            A Concellaría de Cultura e Deportes, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega,  ven de programar un ciclo de tertulias con gañadores de anteriores edicións do Premio de Novela Longa “Eduardo Blanco Amor”.

            A primeira destas tertulias, conducida por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor, Mugardos 1982, coa novela “O triángulo inscrito na circunferencia”.

            O ciclo, que se desenvolverá entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, desenvolverase consonte ao seguinte calendario:

Xoves, 20 de setembro, tertulia con Víctor F. Freixanes conducida por Mercedes Queixas.

Xoves, 4 de outubro, tertulia con Xesús Rábade Paredes, conducida por Verónica Martínez Delgado.

Xoves, 11 de outubro, tertulia con Xavier Alcalá, conducida por Alfredo Ferreiro

Xoves, 25 de outubro, tertulia con Valentín Carrera, conducida por Tati Mancebo,

Xoves, 8 de novembro, tertulia con Francisco Castro, conducida por Carlos Negro,

Xoves, 22 de novembro, tertulia con Inma López Silva, conducida por Mercedes Queixas

            Nestas tertulias, que terán lugar ás 19:00 h na Casa da Cultura, tanto o condutor/a como o público participante dialogará co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente sobre a obra coa que gañou o Premio.

         Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio que tiveron lugar na nosa comarca (Víctor F. Freixanes, Mugardos 1982; Valentín Carrera, Narón 1990; Francisco Castro, Neda 2005; Xesús Rábade Paredes, Cedeira, 2006), de autores de Ferrolterra que obtiveron este prezado galardón (Xavier Alcalá) e con algunha das tres mulleres gañadoras do Premio (Inma López Silva).

No hay comentarios:

Publicar un comentario