miércoles, 21 de marzo de 2012

O BNG de Fene organiza un acto informativo sobre a Reforma Laboral

Co obxectivo de aclarar todas as dúbidas da sociedade sobre a Reforma Laboral aprobada polo goberno de Mariano Rajoy, o BNG de Fene organiza unha charla aberta este venres, na Casa da Cultura, a partir das 19 horas.

Como poñentes estarán, por un lado, Alba García Fariña, membro do Consello Local fenés e de Galiza Nova, que é ademais un claro exemplo dos problemas que está a ter a mocidade galega coas políticas de recortes que aplica o goberno. Ten 20 anos, ten estudos, e moitas dificultades para atopar un traballo á altura das súas posibilidades.

Por outro lado, exporá a visión máis técnica da Reforma Laboral o concelleiro de Fene Juventino Trigo, profesional do sector con case 30 anos de experiencia, que explicará como afectan as medidas propostas polo Partido Popular tanto aos traballadores e traballadoras por conta allea, como a persoas autónomas, pequenos empresarios, comerciantes, etc.

Por último, o deputado no Parlamento Galego pola comarca de Ferrolterra, Fernando Blanco Parga, ofrecerá aos presentes unha visión xeral do que significa a Reforma Laboral e respostará a todas as cuestións que lle sexan presentadas ao respecto.

O BNG traballa, como cada día, para atender as demandas da sociedade, dado que son moitas as dúbidas que a veciñanza ten sobre a Reforma Laboral, como afecta a cadaquén, cales son os puntos máis importantes, cales son as principais diferenzas coa situación anterior, etc.

Será este venres, 23 de marzo, ás 19 horas na Casa da Cultura de Fene.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario