jueves, 27 de octubre de 2011

Este venres coñecerase ao gañador/a do XXIV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O xurado do certame reunirase mañá nas instalacións do CMI Unidade de Fene

As escritoras Andrea Nunes Brións, Marica Campo e Rosa Aneiros forman o xurado do XXIV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que se reúne este venres, 28 de outubro, ás 16 horas para emitir o seu fallo. Un total de 27 orixinais concorren a esta edición do certame, organizado polo Círculo Mercantil de Fene. O premio conta coa colaboración do Concello de Fene e da Editorial Espiral Maior que publica a obra gañadora na súa colección de poesía.

Na fin de semana do 18 e 19 de novembro procederase á entrega do galardón nas mesmas instalacións do CMI Unidade de Fene. Os actos comezarán o venres, 18 de novembro, ás 20.00h cun recital de poesía e coa actuación do grupo folk Fucoxavier. Xa o sábado, 19 de novembro, a partir das 20.00 h, procederase á entrega do premio, para rematar coa actuación da Coral Estrelecer.

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé foi instituído polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene para honrar a memoria de quen fora unha figura senlleira na defensa e promoción da literatura e da lingua de Galicia. O certame naceu no ano 1988 aínda que no 2005 deu un xiro, pasando a premiar un libro individual dun autor ou autora inédito/a (co obxectivo de abrir espazos para persoas que inician a súa andaina nas letras galegas). Desde entón, fixéronse co premio os autores/as: Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto e María Rosendo.

Sobre as tres persoas integrantes do xurado deste ano:

Andrea Nunes Brións
Escritora nada en Marín en 1984. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha das voces máis notábeis da nova poesía galega. Ten publicadas dúas obras poéticas: Corrente do esquecemento (Aturuxo, 2007) e Todas as mulleres que fun (Corsárias, 2011), obra esta última que obtivo unha grande acollida de prensa e público. Fai parte do colectivo “As Candongas do Quirombo” co que desenvolve actividades de video-creación. É activa militante política e feminista, compromiso que se reflicte nos seus textos.

Marica Campo
Escritora nada no Val do Mao (O Incio, Lugo) en 1948. Estudou en Lugo e, tras un paso de algo máis de cinco anos por unha orde relixiosa, estudou teoloxía e maxisterio en Salamanca. Fixo tamén estudos de Filosofía e Letras que non rematou. Exerceu como docente en diversos sitios do país até rematar no IES de Guitiriz onde traballou até a súa xubilación. Posúe unha obra de grande proxección, non só no eido da poesía, senón tamén na narrativa, o teatro e a literatura infantil, pola que mereceu diversos premios. Varios dos seus textos foron musicalizado por diversos grupos como Fuxan os Ventos. O grupo Pirilampo ten un disco de cancións para nenos titulado “Abracadabras” composto integramente por cancións con letra de Marica Campo.

Rosa Aneiros
Escritora e xornalista nada en Meirás, Valdoviño, en 1976. A súa obra literaria, centrada no relato e, sobre todo, na novela, obtivo diversos recoñecementos de entre os que destaca o premio Xerais, acadado en 2009 pola súa novela Sol de inverno. Ese mesmo ano, obtivo tamén o premio Fundación Caixa Galicia pola súa novela xuvenil Ás e bolboreta. Outros títulos seus son Corazóns amolecidos en salitre (2002) Resistencia (2002) ou Veu visitarme o mar (2004). Escribiu colaboracións regulares para diversos medios impresos como El Progreso, Diario de Ferrol, Diario de Pontevedra ou Galicia Hoxe. Exerceu a docencia na USC e actualmente traballa no Consello da Cultura Galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario