martes, 23 de noviembre de 2010

“PROGRAMA BOCABERTA” EN FENE


A Concellería de Cultura, Deportes e Xuventude que dirixe Carmen Silvar xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Editorial Everest organizan unha das actividades onde a maxia nos achega aos contos a á lectura en galego fóra da escola, o Programa Bocaberta - “Chrystyan Magic, atrapado na torre,”, o sábado 27 de novembro de 2010, ás 18.00 horas na Casa da Cultura (Avda. Conces 20-22, Fene).

Esta actividade, baseada no libro “Atrapado na Torre”, está dirixida a toda a familia e aconsellada para nenos e nenas a partir dos 8 anos de idade. Entrada de balde.

Esta actividade inclúe libros e marcapáxinas para agasallar ao público.

"Atrapado na Torre" é un espectáculo de dinamización da lingua creado a través da imaxinación, creatividade e baseado na maxia que se pode desprender da lectura. Mediante a sucesión de xogos de maxia, Chrystyan tentará descubrirlles aos nen@s a ilusión, a fantasía e a maxia agochada nos libros e nos contos, con historias máxicas baseadas precisamente no libro "Chrystyan Magic, atrapado na Torre" e mediante os nosos propios contos, que poderemos crear grazas á participación dos nen@s. Un espectáculo que ten como obxectivo espertar o torrente imaxinativo dos rapaces, descubrir o pracer da lectura e presentar a maxia como un atractivo e novo xeito de animación á lectura.

O mago Chrystyan Magic comeza como animador turístico, presentador e showman, realizando multitude de proxectos de animación, de teatro e de espectáculos por toda Galicia. No ano 2000 estrea o seu primeiro número de maxia en público no programa da TVG “Tardes con Ana”, presentado por Ana Kiro.

Partindo da base da animación e do recoñecemento co que conta como mago, xorde a idea de crear algo novo, un estilo diferente, un espectáculo particular con identidade propia cuxa versatilidade dese a oportunidade de adaptalo a calquera tipo de público ou de evento, unha nova forma de entretemento que se convertese nunha maneira exclusiva de celebrar calquera acontecemento.

Así xorde “Chrystyan Magic” como marca, un proxecto feito realidade con toda a ilusión do mundo, repartindo soños, sorrisos e diversión a nenos e a adultos por todos os escenarios da nosa Comunidade (Coliseum e Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Teatro Principal de Santiago de Compostela…). O grande éxito obtido levouno mesmo a actuar máis alá das nosas fronteiras e a crear novos espectáculos de maxia. Na actualidade mantén máis de seis espectáculos diferentes en cartel e actúa para un gran número de concellos, empresas, centros escolares, hoteis...

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario