martes, 5 de octubre de 2010

O BNG de Fene pide á Xunta o mantemento do noitebus

O portavoz municipal do BNG, Manuel Polo Gundín, ven de rexistrar unha moción dirixida ao Pleno do vindeiro xoves relativa ao MANTEMENTO DO NOITEBUS. O PP, a través da Xunta de Galiza, vén de anunciar a súa intención de suprimir o servizo coñecido como Noitebus. Esta iniciativa, posta en marcha na pasada lexislatura, forma parte das actuacións destinadas a mellorar a seguranza viaria e reducir a sinistralidade, cubrindo as necesidades de desprazamento nocturno da mocidade.

É lamentábel, á par que unha irresponsabilidade, escoitar do Presidente do Goberno Galego que “este é un servizo que resulta innecesario nun momento de dificultades económicas”, cando persoas expertas nesta materia fixeron público o seu desacordo nestes mesmos días. A propia Dirección Xeral de Tráfico (DGT) afirma que “este servizo ten demostrado a súa eficacia, ademais de contribuíu a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura”. Tamén a plataforma Stop Accidentes uniuse a estas manifestacións para cualificar a pretensión do goberno do PP de “desastre”, para engadir que “sempre é máis barato previr que lamentar”.

O BNG considera un auténtico desatino a intención do PP e o anuncio feito polo Presidente da Xunta. Os fondos destinados a previr os accidentes e dar servizos á xente nova non poden considerarse un dispendio.

En Fene o Noitebus serviu para os desprazamentos entre as localidades próximas de Ares, Mugardos, Pontedeume e Ferrol. Pola necesidade evidente de manter este servizo no noso concello é polo que instamos á Xunta de Galiza a manter o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (Noitebus), sen aplicar ningunha redución das rutas existentes e mellorando a súa dotación e funcionamento no conxunto do territorio galego.

--

No hay comentarios:

Publicar un comentario