viernes, 13 de agosto de 2010

Os principais concertos das festas de Ferrol serán na praza de España

A praza de España confírmase como o escenario para as grandes concentracións de xente. A proba foi a retransmisión do Mundial de fútbol, que encheu repetidamente este espazo. Así que os principais concertos das festas da cidade, que comezarán o 20 de agosto, celebraranse neste recinto e terán todos eles –como o resto das actividades– entrada gratuíta. Desbótase o parque Raíña Sofía e descentralízase a oferta lúdica nas distintas prazas do barrio da Magdalena e en Recimil.

Desde o pregón inaugural do actor Iago García, o venres 20, ata os fogos de San Ramón do día 31, haberá doce xornadas de festexos nos que máis de 24 artistas ofrecerán o mellor do seu repertorio. A concelleira de Festas, María López, subliñou a elección da praza de España ó tempo que destacaba o protagonismo de grupos de Ferrol no programa (El Viejo Caracol foi elixido a través das votacións dos cidadáns).

O día 20 lerase o pregón na praza de Armas ás 20.30 horas e, ás 22.00, actúa El Sueño de Morfeo na praza de España.

Para o sábado 21 está previsto un espectáculo de maxia, ás oito, na praza de Sevilla, e un pasarrúas de lume polas rúas do barrio da Magdalena que comezará ás nove e rematará na praza de España para dar paso, ás dez, ó concerto do grupo de hip-hop La Excepción.
O domingo 22, ademais da festa infantil da praza de Armas (ás seis), Nova Galega de Danza presenta na praza de España (22.00 horas) o seu espectáculo “Tradicción”.

O luns 23 un home orquestra animará a tarde en Amboage e na praza, a partir das oito, haberá un festival de hip-hop con Comado Parque, Opone Show, Cheyo e. Koston e Sask Grj.
A actuación estrela do martes será a de D’Nash, unha “boy-band” que representou a España en Eurovisión. O mércores 25 o protagonismo recaerá sobre a orquestra Jerusalén, que actuará en Amboage. Para o xoves 26 resérvase o rock dos ourensáns Los Suaves mentres que o venres 27 ocuparán o escenario da praza de España os membros de El Viejo Caracol.

Coque Malla acaparará toda a atención o sábado 28 e o domingo 29 actuarán as rondallas. Al Vila tocará en Amboage o luns 30 e o día dos fogos haberá un concerto no peirao de Ferrol con Efecto Mariposa, La Guardia, Lucía Pérez e M3.

Fuente: Diario de Ferrol


.

No hay comentarios:

Publicar un comentario