martes, 30 de abril de 2013

O Concello de Fene promove xunto coas sociedades do termo municipal o programa Maio mes das letras



Co certame de corais “Fene canta a Rosalía” comeza o vindeiro venres na Liga de Amigos de Barallobre o programa Maio mes das letras, promovido pola Concellería de Cultura e as entidades parroquiais fenesas para conmemorar o Día das Letras Galegas. Favorecer o coñecemento do autor homenaxeado este ano o 17 de maio xunto coas tres efemérides que se xuntan neste 2013 (o 150 aniversario da
publicación de Cantares Gallegos, o 50º do Día das Letras e o centenario do nacemento dun dos seus promotores, don Francisco Fernández del Riego) son algúns dos obxectivos deste programa conxunto que, por primeira vez, desenvolven o Concello e as sociedades do termo municipal.

En palabras do alcalde de Fene, Gumersindo Galego, “presentamos o ciclo Maio mes das letras”como unha ampla e diversificada programación que se vai desenvolver durante todo o mes de maio nas oito parroquias de Fene e coa que non só agardamos cumprir os obxectivos que nos fixamos, senón tamén converter a programación cultural nun motivo máis para vir e visitar Fene”.

Baseándose na autonomía de cada unha das partes, con este ciclo de actividades tamén se pretende facer transcender que Fene é un dos poucos concellos nos que o movemento
asociativo ven celebrando o Día das Letras Galegas de xeito ininterrompido, dende a súa primeira convocatoria, ademais de amosar a vizosidade da lingua e cultura galegas ao longo dos últimos 50 anos e xerar sinerxias, tanto a nivel da creación cultural coma no referente ás posibilidades de asistir a diferentes actos,

Maio mes das Letras desenvolverase do 3 ao ao 31 de maio nas oito parroquias de Fene e incluirá todo tipo de actividades: conferencias, recitais, concertos, representacións teatrais, sesións de contacontos, presentacións de libros, degustacións gastronómicas, concursos, festas infantís, etc.

Programa
O ciclo comezará o  venres, 3 de maio, na Liga de Amigos de Barallobre co certame de corais Fene canta a Rosalía no que participarán todas as corais e rondallas do concello:  Eterna Xuventude, Rondalla Perla del Río, Rondalla Estrelecer e corais polifónicas de San Valentín, O Pote de Maniños e Agarimo de Sillobre. O sábado, 4 de maio, tamén na Liga de Amigos de Barallobre  haberá unha cea baile amenizada polo Dúo Caramelo e o xoves día 9, no CCRD de Perlío, unha conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño a cargo de Mariola Hermida Romero.

Maio mes das letras” continuará o venres día 10 no CMI Unidade de Fene cunha representación de O cantar dos Cantares a cargo do grupo Xosemaría Pérez Parallé do Círculo de Fene. Ese mesmo día haberá unha degustación de bolas da tixola na AVV de Magalofes, un concerto do grupo Abril no CCRD de Perlío e a apertura da III Exposición de traballos manuais para nenos na Sociedade Agarimo.

Para o sábado 11 de maio está prevista no CMI de Fene a presentación do libro Testamento poético de Marisol Gándara, obra gañadora da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, e un concerto músico-vocal no que a Banda de Gaitas Airiños de Fene, o grupo de cantareiras Xerfa e o Grupo Vocal homenaxearán a Rosalía de Castro no 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Este mesmo sábado haberá un certame de corais no Círculo de Perlío e o denominado “serán musical da primavera” con música e bufé de cócteles na Sociedade Agarimo de Sillobre (entidade que o domingo 12 de maio acollerá un concurso de relatos curtos para nenos/as e maiores).

O programa do mes das Letras continuará o martes 14 de maio coa inauguración no Pote dunha exposición de traballos realizados polos alumnos/as das escolas da sociedade  e cunha conferencia, tamén nesta entidade, sobre “O capitán Orozco, un lobo de mar en Maniños, que habitaba no Pazo da Ribeira a principios do século XVII”, a cargo de Lucía Costas, Carola Macedo e Henrique Sanfiz.

O mércores 15 haberá teatro en Maniños co grupo “Os amigos do teatro de Narón” e para o xoves 16 anúnciase unha festa infantil no Pote, unha actuación da escola de acordeóns “Lembranzas de Narón” na AVV de Magalofes e o concerto músico-poético “Rosas para Galicia. Mulleres e cantares” en Agarimo de Sillobre.

17 de maio
O Día das Letras Galegas é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua, arredor da cal se celebran no noso país e no estranxeiro numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida.

Este ano, no Concello de Fene  celebrarase o 17 de maio a IV Ruta de sendeirismo “Coñece Sillobre camiñando”, promovida pola Sociedade Agarimo. Tamén se desenvolverá ese día en San Valentín unha homenaxe a José Luís Serantes, socio fundador e primeiro presidente do
CPS, e na Liga de Amigos de Barallobre anúnciase a actuación do grupo de baile e cantareiras Volvoretas e unha representación de narrativa a cargo de dúas afeccionadas.

O programa do día 17 completarase no CMI de Fene cunha conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño a cargo da profesora da USC Dolores Vilavedra e a posterior actuación da Rondalla Estrelecer. Por último, no Pote de Maniños celebrarase ese día o festival de corais “Lembrando a Vidal Bolaño e a Rosalía”.

O programa “Maio mes das letras” continuará máis alá do 17 de maio.  O sábado 18 haberá unha sesión de contacontos con Roi Sixto no CPS de San Valentín, un festival de corais no salón de actos do CPI A Xunqueira de San Valentín, actuación de rondallas na AVV de Magalofes e o tradicional baile da flor na ACRD O Pote de Maniños.

O domingo 19 de maio tamén haberá actividades na Liga de Amigos de Barallobre (teatro a cargo do grupo Xosemaría Pérez Parallé), na sociedade Agarimo de Sillobre (certame de corais) e na AVV de Magalofes (clausura do ciclo do Día das Letras Galegas e exposición da escola de manualidades).

Para o xoves 23 de maio anúnciase no CCRD de Perlío unha representación teatral a cargo do grupo Teatro do Estaleiro.

O venres 24, as actividades concentraranse en San Valentín e Limodre. No CPS proxectarase un documental en homenaxe a Rosalía de Castro no 150º aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” e na AVV de Limodre celebrarán unha velada que incluirá lectura de poemas, recital de gaita e acordeón, canción galega, actuación do monologuista Pedro Brandariz e, ao remate, actuación do Coro Xuvenil da Sociedade Agarimo de Sillobre.

Ao día seguinte, o sábado 25, a música será protagonista na ACDR O Pote de Maniños cun concerto a cargo do grupo Chiculate. Na SCRD Agarimo de Sillobre celebrarase ese día a tradicional velada da Agrupación Teatral Agarimo.

O programa “Maio mes das letras” concluirá coa inauguración da exposicion de traballos do alumnado das escolas do CPS de San Valentín o martes 28 de maio e cunha actuación do grupo de teatro Oquetiqueiras na AVV de Magalofes o venres 31 de maio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario