martes, 19 de febrero de 2013

O CONCELLO DE FENE FAI UN CHAMAMENTO Á VECIÑANZA A PARTICIPAR NA CONMEMORACIÓN DO ‘DÍA DE ROSALÍA’




 O Concello de Fene, o movemento asociativo e as comunidades educativas dos centros de ensino, súmanse ao chamamento da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para homenaxear á autora de Cantares Gallegos.


A comemoración do ‘Día de Rosalía’, recollida oficialmente pola Consellería de Cultura e Educacion no seu Calendario do Libro e da Lectura, ten este ano unha especial relevancia ao se cumprir o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta.

A obra de Rosalía é  un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional. A galeguidade intrínseca dos seus textos, a súa comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.


Por estes motivos, o Concello de Fene fixo un chamamento á comunidade educativa e ao movemento asociativo para levar a cabo diferentes iniciativas conducentes a proxectar a figura e obra rosaliana entre o conxunto da poboación. A resultas deste chamamento, terán lugar as actividades que se relación de seguido:

  • Venres, 22 de febreiro, ás 12:00 h nos CEIP de Centieiras, Os Casais e O Ramo; no CPI A Xunqueira; no IES de Fene e no Colexio “Jorge Juan” alumnado e comunidade educativa procederá á lectura simultánea de poemas de Cantares Gallegos.

  • Sábado, 23 de febreiro, ás 19:00 h. no salón de sesións da Casa do Concello, o Alcalde de Fene;  os/as voceiros/as dos grupos municipais do PP, PSdG-PSOE, BNG e EU e representantes do CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, CPS Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños; AA.VV de Limodre, SCRD Agarimo de Sillobre, A.VV de Magalofes e Banda de Gaitas Tradicional ‘Airiños de Fene’ procederán á lectura de poemas de Cantares Gallegos. O acto rematará coa interpretación de “Negra sombra” a cargo da Coral Polifónica da SCRD Agarimo de Sillobre.

Asemade, na Biblioteca Pública Municipal expoñeranse exemplares de/sobre a obra de Rosalía de Castro e procederase á liberación de fondos bibliográficos en galego.

Seguindo as propostas da AELG, convidarase  á veciñanza de Fene a agasallar o día 24 de febreiro, data de nacemento de Rosalía un libro galego e unha flor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario