viernes, 15 de febrero de 2013

CONCURSO CARTELES - XXV FESTA DO PAN DE NEDA

A concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, anunciou esta mañá a convocatoria da primeira edición do Concurso de Carteis Festa do Pan de Neda. Un certame dotado economicamente cun premio de 300 euros e do que sairá a imaxe que anunciará esta festa de exaltación do producto por excelencia da real vila nun ano, o 2013, moi especial, xa que se cumpre o seu primeiro cuarto de século.


Neste contexto, a edil iniciaba ante a Xunta os trámites necesarios para solicitar a Declaración de Interese Turístico de Galicia para a festa, estreaba nova imaxe corporativa da cita e activaba unha campaña de adhesión de apoios á iniciativa entre hostelería e cidadanía en xeral, así como de promoción do producto.

E nese contexto se encadra o concurso, unha acción máis para continuar poñendo en valor esta cita a través da participación cidadá. A el poderá optar calquer persoa maior de idade, individualmente ou en equipo. O prazo de presentación dos traballos, que se abría esta mesma mañá, rematará o 30 de abril e todos eles deberán achegarse á casa consistorial (Área de Turismo, Avda. de Alxeciras, 34, 1º-Neda) de luns a venres en horario de mañá (de 9 a 14 horas).

O cartel poderá realizarse en calquer técnica, sempre e cando sexa posible a súa reproducción en soporte papel. Deberá incluír necesariamente a lenda “XXV Festa do Pan de Neda-1 de setembro de 2013”. Será un xurado formado polo alcalde, a concelleira de Turismo, dous representantes dos grupos políticos que integran a corporación municipal, un membro do sector panadeiro e un artista de recoñecido prestixio (previamente designado na Comisión de Delegados de área), xunto co secretario municipal, o que elixa o cartel gañador.

Así mesmo, todos os traballos pasarán a formar parte dunha exposición colectiva que organizará a Concellería de Promoción Turística.
Por último, a edil de área, Montse Rico, animou á cidadanía a participar nesta cita e apuntou que as bases do concurso poden consultarse no taboleiro de edictos do consistorio e na páxina web municipal (http://www.neda.es/).

No hay comentarios:

Publicar un comentario