O acto incluirá un
recital poético e unha actuación do Coro da Rá e contará coa presenza do
alcalde de Fene, Gumersindo Galego
O
Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene acolle este sábado, 17 de
novembro, a partir das 20 horas, o acto de entrega do XXV Premio Nacional de
Poesía Pérez Parallé. A gañadora, Marisol Gándara Sánchez, estará arroupada
nesta ocasión pola maioría dos gañadores/as das últimas edicións do certame.
Neste senso, trala entrega do premio e a intervención da autora está previsto
un recital poético no que participarán Mario Regueira, Susana Sánchez Aríns,
Ramón Neto e Lorena Souto. Ao remate, actuará o coñecido Coro da Rá, baixo a dirección
de Ramón Bermejo.
O xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía
Xosemaría Pérez Parallé acordou outorgar o premio deste ano á obra “Testamento
poético” de Marisol Gándara Sánchez, un libro que “destaca polo uso coidado da
linguaxe, mantendo unha estrutura de “cartas poéticas” nunha voz persoal e
directa e un ton reflexivo de carácter existencial e solidario”. A obra
gañadora foi seleccionada entre un total de trinta e cinco poemarios.
O premio para a gañadora do “Pérez Parallé” consiste na publicación
do volume na colección de poesía Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo
Fernán Vello e conta cunha gratificación ecónomica de 500 €. Ademais, faráselle
entrega dunha escultura conmemorativa deseñada especialmente polo ceramista
Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
Marisol Gándara Sánchez naceu en Francia en 1981, veu
a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes. É Licenciada en Filoloxía
Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde actualmente cursa
estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de
Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os
que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, en
2011. Con este novo recoñpecemento, Marisol Gándara súmase a unha listaxe de
nomes que forman parte dunha nova xeración poética que irrompe con pulo no
panorama literario do país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario