martes, 2 de octubre de 2012

FALADOIRO CO ESCRITOR XESÚS RÁBADE PAREDES NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE FENE



O vindeiro xoves, 4 de outubro, volven os faladoiros con gañadores de anteriores edicións do Premio de novela longa “Eduardo Blanco Amor”. Esta nova tertulia, protagonizada polo escritor Xesús Rábade Paredes, será conducida pola tamén escritora Verónica Martínez Delgado. Celebrarase o xoves 4 de outubro ás 19:00 h. na Biblioteca “Xosémaría Pérez Parallé” (Casa da Cultura de Fene).

Os faladoiros, organizados polo Concello de Fene coa colaboración da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, pretenden achegarlle á veciñanza en xeral a obra dalgúns escritores que gañaron o premio Blanco Amor nalgunha das edicións organizadas por concellos da comarca de Ferrolterra ou que teñen un especial vencello coa nosa bisbarra.

Nesta ocasión quen nos visita é Xesús Rábade Paredes, gañador do Blanco Amor no ano 2006, convodada polo concello de Cedeira, coa obra Mentres a herba medra.

Trátase dunha  novela na que se cruzan, en conxunción coral e sobre un ritmo jazzístico de fondo, tres xeracións que dialogan e debaten. Como na vida mesma. Desde a fanada esperanza republicana dos máis vellos á expresión vitalista dos seus netos rebeldes, criados na abundancia e nas trampas do consumo.

En Mentres a herba medra o mundo urbano, omnipresente, e o rural, evocado, simbolizan a andaina dun país que se afirma e se transforma.

Xesús Rábade Paredes é catedrático de Lingua e Literatura, poeta, narrador, ensaísta, articulista e tradutor. Membro do colectivo de renovación poética Cravo Fondo, a súa obra foi antologada e traducida a varias linguas.

Como poeta, obtivo os premios Manuel Antonio (O sangue, xunto con Helena Villar Janeiro), Esquío (Poldros de música) e González Garcés (Os dedos dos loureiros). Como narrador, tamén se fixo co premio Galicia (Morrer en Vilaquinte, xunto con Elena Villar Janeiro), co Álvaro Cunqueiro (con Branca de Toboso) e co Blanco Amor (Mentres a herba medra) É membro fundador do PEN Clube de Galicia.

Ademais, ten publicadas, entre outras, as seguintes obras:
Obra poética: Xuntos cara ó mañán (1969), O sangue na paisaxe (1979), No aló de nós (1981), Matria de sombra (1987), Cabeleira de pedra (1993),
Obra narrativa: A terra prometida (1974), Saraverde (1987), A palabra secreta (1989), As sombras do barroco (1994), Como levar un morto (2001)
Obra ensaística:
Símbolos de Galicia (1979), Literatura século XX (1985), Recuperar a voz (1993), A vida de Manuel Murguía (2000).

Realizou estudos críticos sobre Rosalía, Pondal, Cunqueiro, Blanco-Amor ou Neira Vilas.

Máis información sobre o autor en http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=xesrabad

No hay comentarios:

Publicar un comentario