viernes, 6 de julio de 2012

O GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE FENE ABANDONA O PLENO EN PROTESTA POLA PREPOTENCIA DO ALCALDE

O primeiro xoves de mes é o día no que se celebran os Plenos ordinarios no Concello de Fene. O de onte se prevía un Pleno máis con 13 puntos na orde do día na que se aprobaron as tres mocións presentadas polo BNG. Mocións relativas aos recortes da Xunta en formación e emprego, aprobada por unanimidade, unha segunda moción relativa aos recortes da Xunta na eliminación dos convenios polos que se sosteñen as oficinas liquidadoras de impostos dependentes dos Rexistros da Propiedade, aprobada por maioría coa abstención do PP, e una terceira relativa á situación do sistema financeiro galego, o rescate á banca, a situación das persoas con participación preferentes así como a necesidade de ter una Banca pública galega que defenda os intereses da maioría dos galegos e galegas, tamén aprobada por maioría coa abstención do PP. Na orde do día tamén figuraba unha proposta do Goberno popular relativa á regulación da terrazas dos locais de hostalaría. O BNG pediulle ao goberno que a retirase para que fose exposta previamente ao sector directamente e ao movemento veciñal. O alcalde retirou o punto da orde do día pero non sen amosar unha actitude prepotente e arrogante fronte as demandas de diálogo do conxunto da oposición. No último punto da orde do día, Rogos e Preguntas, os nacionalistas como é habitual preguntamos por temas de actualidade que nos preocupan ou que nos transmite o movemento veciñal. A nosa sorpresa foi total cando a preguntas concretas de como se está a executar a prestación do servizo de limpeza mantemento e conserxería das instalacións deportivas pola nova empresa adxudicataria (EULEN) a resposta é defensiva, ofensiva, arrogante e pon na boca dos membros do GM do BNG palabras que nós nunca emitimos, chegando a afirmar que ” é a primeira vez que se sacan estas cousas a concurso e iso é o que vos molesta”. A realidade é que a empresa recoñece por escrito que non dispón dos medios técnicos que indica o prego, e máis recoñece que nin miraron o documento, e o alcalde lonxe de esixir o cumprimento do prego aprobado, ataca ao BNG pola súa labor de control e seguimento da xestión municipal. Debido á imposibilidade de contestar, xa que non hai quenda de resposta neste apartado, o GM do BNG decidiu abandonar o Pleno ante a falta total de responsabilidade do alcalde, a prepotencia exhibida e as mentiras vertidas no Pleno en contestación ás preguntas da representación nacionalista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario