O prazo de cesión e solicitude de libros prolongarase do 25 de xuño ao
13 de xullo
“Solidarízate. Doa os libros de texto que non
vas utilizar”. Este é o chamamento que o Concello de Fene realiza na
presentación do seu Banco de Libros de Texto, un proxecto que consiste en crear
un espazo para favorecer que as familias doen os libros de texto ou de lectura
do curso anterior para redistribuílos a
comezos do curso 2012-2013 entre as persoas que máis o necesiten. Con esta
iniciativa preténdese apoiar economicamente ás familias máis necesitadas,
axudándolles a reducir os gastos de escolarización; xerar actitudes solidarias
co alumnado con menos recursos económicos; sensibilizar á comunidade educativa
no coidado e reutilización dos libros, desde un punto de vista ambiental pero
tamén como valor social e fomentar no alumnado o coidado dos materiais
escolares.
Poderán
doar libros as familias con fillos ou fillas escolarizados/as nos centros de
ensino de Fene. O Banco
de Libros de Fene admitirá doazóns de exemplares usados cunha antigüidade
máxima de catro anos e que sexan válidos para o curso 2012-2013, atendendo ás
listas de libros que manexan os centros de ensino de Fene. Tamén se admitirá a doazón de
libros de lectura obrigada/recomendada polos centros de ensino.
Os libros terán que estar en bo estado de
conservación. Non se
admitirá a doazón de libros que se utilizan como cadernos ou dos pensados para
escribir neles, como é o caso dos de Educación Infantil e algúns do primeiro
ciclo de Primaria
Para efectuar a doazón haberá que cubrir unha
ficha na que figuren os datos da persoa que efectúa a doazón e a relación de
libros que doa.
Noutra orde de cousas, poderán solicitar a cesión de
libros as familias con fillos ou fillas escolarizados/as nos centros de
ensino de Fene. As persoas que soliciten
a cesión de libros tamén terán que cubrir unha ficha na que figuren os datos
do/a solicitante e os libros que piden, comprometéndose a devolvelos ao remate
do curso escolar 2012/2013.
A adxudicación dos libros efectuarase atendendo
a varios criterios para priorizar os distintos solicitantes. En primeiro lugar
estarán as familias ás que, pola súa situación socioeconómica, un informe de
servizos sociais aconselle darlles preferencia. Despois serán tidas en conta as
familias que máis libros acheguen. Obterán un punto por cada libro de texto que
doen, para incentivar así a participación na campaña. Un terceiro criterio é o
das familias con máis dun fillo ou filla, cun punto por cada un. A relación de
adxudicatarios completarase co resto das familias.
O prazo para ceder libros e para solicitalos irá do 25 de
xuño ata o 13 de xullo no Centro de Servizos Sociais (Avenida do Mar, Bloque,
1. Baixo. San Valentín) en horario de 9:30 a 13:30 h.
Posteriormente, entre o 3 e o 7 de setembro abrirase o
prazo para a recollida dos libros.
O Banco de Libros de Texto é una iniciativa das áreas de
Cultura, Educación, Deportes, Servizos Sociais e Igualdade. Colaboran as ANPAS
do CPI A Xunqueira, CEIP de Centieiras, CEIP de Sillobre, CEIP do Ramo, CEIP
dos Casais, IES de Fene, EEI de Limodre e Colexio Jorge Juán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario