lunes, 7 de mayo de 2012

Inaugurada en Fene “Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí”

En la foto de esquerda a dereita, Rocío Bértoa Puente, concelleira
de Cultura de Fene; Guillermo Escrigas,
director do CGAI; Gumer-
sindo Galego Puente, alcalde de Fene
y Marcelino Fernández San-
tiago, xerente do Consello da Cultura Galega


O xerente do Consello da Cultura Galega, o director do CGAI, o alcalde de Fene e a concelleira de Cultura presidiron o acto

Dende hoxe xa se pode visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición fotográfica “Os Adeuses. 73 imaxes da emigración galega”, colección de instantáneas captadas polo fotoxornalista Alberto Martí entre os anos 1957 e 1963. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Secretaría Xeral de Medios da Presidencia da Xunta de Galicia, permanecerá en Fene até o vindeiro 30 de maio, podendo visitarse de luns a venres en horario de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e tamén os sábados, de 10 a 13 horas.

“Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí” é unha exposición que recrea en imaxes o éxodo galego cara a América nas décadas dos anos cincuenta e sesenta do século XX, desde os portos de Vigo e A Coruña, e o posterior regreso a Galicia. As imaxes que conforman a mostra distribúense en tres áreas: A Ida, A Volta e O Buque Santa María, reflectindo as experiencias das despedidas de moitos galegos emigrantes cara a América nos anos cincuenta e sesenta do século XX desde os portos de Vigo e A Coruña.

Como complemento da exposición, proxectarase durante todo o mes de maio na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Fene o documental “O Buque Santa María” (1961). Segundo a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, “trátase dunha reportaxe sobre a peripecia do buque “Santa María”, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano”.

En palabras do alcalde de Fene, as imaxes que conforman a exposición de Alberto Martí “non son alleas xa que moitos de nós temos familiares ou coñecidos que un día emprenderon o camiño das Américas ou, anos máis tarde, da Suíza, da Franza ou a Alemaña”. Máis alá da tristura que desprenden as imaxes de Martí, Gumersindo Galego fixo fincapé na vertente modernizadora e solidaria da emigración. Falou dos emigrantes como “elementos fundamentais na formación e desenvolvemento das sociedades americanas de destino pero tamén de transformación social, cultural e psicolóxica das sociedades de orixe”.

“Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí” é unha mostra itinerante que, con anterioridade, puido verse na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal










.

No hay comentarios:

Publicar un comentario