viernes, 23 de marzo de 2012

O PSOE de Fene denuncia que o SERGAS nega información aos parados que perden a cobertura sanitaria

Iván Puentes cualifica de “penoso vía crucis” a situación de moitos veciños/as que, por riba de estar no paro, vense obrigados pola Xunta a deambular entre o Centro de Saúde de Fene e o INSS na Praza de España de Ferrol para que non se lles elimine un dereito tan básico como a atención sanitaria pública.


Hai xa meses que a polémica sobre a retirada da atención sanitaria gratuita aos parados de longa duración por parte da Xunta de Galicia pasou a un segundo plano, pero o famoso código 29 segue sendo un grave problema para moitos veciños e veciñas de Fene. Lonxe de solucionarse, tal e como dixera a Consellería de Sanidade, seguen sendo moitas as persoas que pelexan co SERGAS para non quedarse se cobertura médica na sanidade pública do noso país.

Oficialmente, desde hai uns meses o paso ao código 29 (o que lle recoñece a atención sanitaria aos parados que non perciben prestación) realízase de xeito case inmediato nos centros de saúde e así o afirma o SERGAS, pero é rotundamente falso. Nos últimos días o PSOE de Fene tivo coñecemento de que a Xunta non informa adecuadamente aos traballadores/as dos centros de saúde sobre este trámite, polo que estes tampouco poden asesorar ás persoas que precisan solicitar a alta no código 29 para non perder o dereito á atención médica.

Así, non atopando información suficiente no centro de saúde, os veciños/as afectados son remitidos á oficina do Instituto Nacional da Seguridade da Praza de España de Ferrol, onde o caos e a falta de información é tamén a norma. Colas dunhas 200 persoas, falta de información por parte da Xunta ao INSS e incertidume ante o que un debe facer para non quedarse sen atención médica é o que se atopan as persoas que en palabras de Iván Puentes, se ven inmersas neste “penoso vía crucis ao que os condena o Goberno de Feijoo, que como Poncio Pilato lava as súas sucias mans e mira para outro lado”.

O PSOE quere destacar o esforzo dos funcionarios/as, que pese a todas as trabas postas pola Xunta de Galicia esfórzanse por axudar na medida das súas posibilidades ás persoas que se ven nesta situación.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario