martes, 27 de marzo de 2012

FENE ORGANIZA ESTE ANO O XXX PREMIO DE NOVELA LONGA “EDUARDO BLANCO AMOR”

El Alcalde Gumersindo Galego y Rocío Bértoa, Concelleira
de Cultura y Deportes en la rueda de prensa

A Concellería de Cultura ultima un completo programa de actividades para divulgar a vida e obra do escritor ourensán
Tertulias literarias, un grupo de lectura sobre A Esmora, unha viaxe cultural a Ourense ou unha exposición de caricaturistas e ilustradores en homenaxe a Blanco Amor. Son algunhas das propostas coas que o Concello de Fene pretende arroupar este ano a convocatoria da trixésima edición do Premio de Novela Longa “Eduardo Blanco Amor, un certame de marcado carácter municipalista que xordiu por iniciativa do Concello de Redondela e no que Fene ven participando activamente dende a súa orixe. Precisamente, coincidindo coa conmemoración do “Día Mundial do Teatro”, o Alcalde de Fene e a concelleira de Cultura presentaron este mediodía o Premio, do que se publicarán as bases en breve, probablemente na primeira quincena do mes de abril (unha vez que se aproben polo Pleno do Concello).

Adicado a un dos máis grandes escritores da literatura galega de todos os tempos, o Premio de Novela Longa Blanco Amor, existe dende hai trinta anos grazas ao patrocinio dos concellos que decidiron apoiar esta iniciativa, 46 na anterior edición. Este premio cumpre un importante rol no sistema literario galego ao contribuír de maneira decisiva ao impulso e consolidación da literatura galega, nomeadamente do xénero da novela longa, no que foi mestre Eduardo Blanco Amor. A súa organización ten carácter rotatorio, escolléndose o concello organizador, mediante sorteo, entre os patrocinadores que non organizaran ningunha edición.

Segundo explicou a Concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, nestes intres o Concello de Fene está a traballar nunha ampla programación que xirará en torno á convocatoria do certame pero tamén sobre a vida e obra de Blanco Amor e a do propio premio.

A respecto da convocatoria, asegurou que se pretende incrementar o número de concellos participantes ao tempo que se ultiman as bases que o rexerán e a composición do xurado que se encargará do fallo, extremos que se presentarán proximamente.

Dende a Concellería de Cultura, explicou Bértoa, preténdese recuperar toda a documentación gráfica da homenaxe a Blanco Amor que tivo lugar no CCRD de Perlío no Nadal de 1976. Neste senso, a edil de Cultura fixo un chamamento a todas aquelas persoas que poidan ter algún material (fotografías, recortes de prensa, algún exemplar do cartel…) para que o cedan ao Departamento de Cultura onde se encargarán de dixitalizalo (co compromiso de devolución do orixinal).
Convócase tamén o Grupo de Lectura A Esmorga para ler ao mesmo tempo a obra do xenial ourensán, no que poderán participar todas aquelas persoas con inquedanzas culturais, gañas de ler, facer amizades e intercambiar opinións con outras persoas e que se reunirá na Casa da Cultura todos os xoves a partir do 26 de abril. Para participar, haberá que inscribirse antes do 24 de abril no Departamento de Cultura ou por correo electrónico. A actividade é gratuita.

Entre as actividades que se están a organizar, salienta tamén unha viaxe cultural a Ourense, que terá lugar o vindeiro 12 de maio, para facer a rota literaria de A Esmorga e na que poderá participar calquera persoa que formalice previamente a súa inscrición.

Por outro lado, dende o Museo do Humor estase a preparar unha homenaxe de caricaturistas e ilustradores a Don Eduardo, en forma de exposición -comisariada por Siro- que estará aberta ao público na Casa da Cultura do 2 ao 23 de novembro para, posteriormente, itinerar polos concellos e entidades interesados.
Tamén na Casa da Cultura, entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, terán lugar con carácter quincenal seis tertulias literarias nas que os participantes terán a oportunidade de dialogar con algúns autores/as que gañaron o Premio Blanco Amor nas súas edicións anteriores.

Con estes e outros proxectos varios, que a día de hoxe aínda están en fase de formulación, completarase, segundo Rocío Bértoa, unha ambiciosa programación para conmemorar ao nivel que se merece o trinta aniversario do Premio.

Na rolda de prensa celebrada este mediodía, o Alcalde, Gumersindo Galego, expresou a inmensa honra que supón para o Concello de Fene ter a oportunidade de render de novo homenaxe a Don Eduardo Blanco Amor. Lembrou, neste senso, que o 10 de decembro de 1976, o Círculo Cultural, Recreativo e Deportivo de Perlío acolleu a única homenaxe que se lle tributou en vida a Don Eduardo e da que o libro de sinaturas desta sociedade conserva unha emotiva dedicatoria. Anos despois, salientou Galego, a figura de Blanco Amor volvería estar presente no corazón da veciñanza de Fene, na inauguración –o 27 de maio de 1984- dun xardín que leva o seu nome na parroquia de Magalofes.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario