A Orquestra MADEIRA será a encargada de amenizar esta tarde a festa infantil que organizan a Concellería de Cultura e a Asociación Cultural O Tadetas na Praza do Concello de Fene. Será dende as 17.30 ata as 21.30 horas. Ademais, como se ven facendo nos últimos anos, na hora do descanso repartiranse entre os nenos e nenas que asistan todo tipo de lambetadas do Entroido. Esta degustación é posible grazas á colaboración dos establecementos: Panadería Ramón (Sillobre), Panadería “El Cruce” (Maniños), Panadería A Ábroa (San Valentín), Pastelería “Larpeiradas” (Perlío), Pastelería Amaría (Fene), Confitería Sara (Perlío) e Confitería Martínez (Fene).
Pero o día grande do Entroido fenés será mañá, mércores 22 de febreiro, festivo local en Fene e xornada na que se celebrará o tradicional desfile e festival de comparsas. As trece agrupacións participantes reuniranse ás 17.30 horas na Rúa Río Cádavo (Perlío) para iniciar o desfile pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avda. Naturais. Finalizarán o percorrido na Praza do Concello onde, unha por unha, as distintas agrupacións pasarán polo escenario e actuarán diante de todos os presentes.
As comparsas que participan este ano no Entroido fenés son as seguintes:
- 1º Os Exipcios de Centieiras (pasan polo palco)
- 2º Os Parrandolos (pasan polo palco)
- 3º A Revolta (pasan polo palco)
- 4º A Banda do Patio (pasan polo palco)
- 5º Os Xunquiños (actúan)
- 6º Os Argalleiros (actúan)
- 7º Os Colludos (actúan)
- 8º A Canteira (actúan)
- 9º As Carapuchiñas (actúan)
- 10º África en Centieiras (actúan)
- 11º Euxa-Narón (desfilan)
- 12º Brancagrecia e os 7 ananitos (desfilan)
- 13º 3º Idade Sostenible (desfilan)
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario