miércoles, 14 de diciembre de 2011

O MAGO ROMÁN PRESENTA ESTE VENRES EN MANIÑOS O SEU ESPECTÁCULO “NANOMAXIAS”


A función, organizada polo Concello de Fene en colaboración coa Deputación Provincial (Rede Cultural 2011), comezará ás oito do serán na ACRD O Pote. Encádrase dentro da programación da Concellería de Cultura para as vindeiras festas de Nadal.

"Nanomaxias", do ilusionista galego Román García, é un espectáculo de maxia de preto absolutamente sorprendente. Trátase dunha montaxe con cousas pequenas e emocións fortes, maxia a un palmo do espectador ou mesmo nas súas propias mans.

Cartas que cambian de cor, buratos viaxeiros, moedas que desaparecen e reaparecen en mans do espectador ou billetes que multiplican o seu valor, son algunhas das pequenas milagres que compoñen "Nanomaxias". O espectáculo complétase coas divertidas e surrealistas historias máxicas do Mundial de Fútbol, dos caníbales do Amazonas ou da viaxe á Lúa do capitán Fernández, entre outras.

Traxectoria do Mago Román
O Mago Román (A Coruña, 1977) é un coñecido, premiado e innovador ilusionista galego. Dende moi novo sentiuse atraído pola maxia. Comezou na Sociedade Coruñesa de Ilusionismo, á que acudía co seu irmán Kiko e o seu amigo Luis Piedrahita e onde aprendeu de grandes mestres como Lorc e Pablo, que lle revelaron os segredos da maxia.

Pronto, a súa paixón convertiuse en profesión e en 1996 obtivo o Primeiro Premio Nacional de Maxia de preto en Vitoria. Dende entón, son habituais as súas intervencións televisivas en cadeas públicas e privadas (TVE1, TVE2, TVG, Antena 3, Cuatro, Localia...), así como en diversos programas radiofónicos.

É membro da Sociedade Coruñesa de Ilusionismo e da Asociación de Magos Profesionais de Galicia. As súas creacións máxicas foron presentadas e premiadas en numerosos congresos nacionais e internacionais de ilusionismo, o que lle valeu o recoñecemento de magos de todo o mundo.

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Román une no seu espectáculo arte e ciencia, comedia e drama, imaxinación e realidade...

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario