miércoles, 9 de noviembre de 2011

“POLO SAN MARTÍÑO, PEÓNS AO CAMIÑO”

Viñeta Día do Peón. J.C Sardiña

Fene acolle este venres o acto central do “Día do Peón”, xornada organizada por Brinquedia en colaboración co Concello

Demostracións de habilidade coa buxaina, decoración de peóns, mostra de paneis informativos sobre a historia do peón (cedida por Amics de la baldufa de Barcelona) ou visionado de audiovisuais sobre peóns. Son algunhas das actividades previstas para este venres no local e na pista polideportiva do Círculo de Perlío, escenarios da celebración do “Día do Peón” en Fene.
Tamén será lido -igual que no resto das convocatorias que se sucederán á mesma hora ao longo de todo o país- o Manifesto do Día do Peón 2011, a cargo de Ramón Loureiro. Escoitarase e bailarase a canción do peón “Fago o camiño”, do grupo Ourensóns, e presentarase a viñeta do “Día do Peón”, realizada por J.C. Sardiña. Asemade, repartiranse entre os asistentes pegatinas alusivas ao “Día do peón” e algunhas buxainas realizadas polo artesán de Fene Rivera. As actividades desenvolveranse en horario de 11:00 a 13:00 horas. En caso de choiva, trasladaranse ao pavillón do Colexio Jorge Juan.

Deseño Adhesivo

Dende hai varios anos Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional promove na xornada do 11 de novembro o Día do Peón. A convocatoria propón algo ben sinxelo: que en cada recuncho de Galicia, ás 12 da mañá do Día de San Martiño, os centros participantes promovan un acto central onde o peón sexa o protagonista. O obxectivo desta actividade é recuperar as prácticas lúdicas tradicionais, neste caso concreto o xogo do peón.


A convocatoria anual do Día do Peón designa unha localidade galega na que se realiza o acto central do día. Noutras ocasións teñen sido grandes cidades -Ourense, Santiago, Pontevedra- ou vilas como Noia e Melide, as que acolleron tal evento, pero o Día do Peón 2011, a resultas do acordo de colaboración entre a Concellería de Cultura e Deportes e Brinquedia, terá como sede do seu acto central a parroquia de Perlío no Concello de Fene.

Un xogo estacional

O peón, ao igual que moitos dos nosos xogos tradicionacis, é un xogo estacional, é dicir, xógase nunha determinada época do ano e non noutra. Neste caso, entre o San Martiño e o mes de febreiro, tal e como se recolle no noso refraneiro popular: “Polo San Martiño (11 de novembro), peóns ao camiño; Polo Santo André (30 de novembro), peóns outra vez; Polo San Amaro (15 de xaneiro), peóns ao faiado; Polo Santo Antón (17 de xaneiro), peóns ao caixón; Pola Santa Olalla (12 de febreiro), peóns á borralla e polas Pascuas, trompos ás ascuas”.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario