jueves, 10 de noviembre de 2011

Poesía erótica na Casa da Cultura de Fene

Cartaz Os Libros de Caldeirón


Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe protagonizan este venres o recital “Os libros de Caldeirón”

A Casa da Cultura de Fene acolle mañá, ás 20 horas, un recital de poesía erótica organizado pola Asociación Caldeirón de Malpica, entidade que convoca o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Tres dos gañadores do concurso, Eduardo Estévez (co-autor xunto con Eli Ríos de “Rúa da cancela”), María Lado (autora de “Amantes”) e Lino Braxe (autor de “Baixo o sol de Mesina”), serán os encargados de recitar os seus poemas.

Currículo dos participantes:

Eduardo Estévez
Bos Aires, 1969.
Poeta e autor de diversos blogs e espazos de creación na rede, a súa obra recibiu diversos premios. Desenvólvese profesionalmente no sector das novas tecnoloxías e coordina obradoiros de literatura. A súa obra poética en galego inclúe títulos coma: só paxaros saíron desta boca (1997); lúa gris (1999); os veos da paisaxe (2000) e (2009); caderno apócrifo da infanta defunta (2003); derrotas (2004); itinerarios (2005); construcións (2008); e rúa da cancela (2010 con Eli Ríos)

María Lado
Cee, 1979.
Escritora formada en filoloxía galega e produción audiovisual. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte. A súa actividade litreraria, ademais da poesía publicada e algúns relatos en edicións colectivas, céntrase en recitais e outros modos de acción poética pública. Ademais da súa obra individual, textos seus foron incluídos en diversas publicacións colectivas e antoloxías. Algúns dos seus textos foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, ruso e inglés. Outros apareceron en discos. É guionista da radionovela “Novembro”, emitida pola radio galega en 2006. A súa obra poética comprende os títulos: A primeira visión (1997); casa atlántica, casa cabaret (2002); berlín (2005); berlín (audiolibro, 2007); nove (2008) e Amantes (2011).

Lino Braxe
Poeta, guionista, narrador e dramaturgo, traballa actualmente como actor e director de teatro, despois de exercer o xornalismo durante dez anos en RNE. Lidera a formación musical A Caricia da Serpe, grupo no que canta e recita as súas propias cancións e poemas. Traducido ao italiano, castellano, francés e neerlandés; recitou os seus poemas en Italia, Portugal, Holanda, Bélxica, Cuba e en diferentes cidades do estado español. A súa obra poética está conformada por: Banquete (1990); Entre Ruínas (1996); Ardora (1997); O sangue dos árabes (1999); A caricia da Serpe (1999); Poemas obxecto e visuais (1999); O longo día acaba (2002); Alaridos (2006) Diálogo dos mortos e anoite (2008) e Baixo o sol de Mesina (2008).

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario