sábado, 5 de noviembre de 2011

O ALCALDE DE FENE REIVINDICA “QUE O LEGADO LITERARIO DE PÉREZ PARALLÉ QUEDE NO CONCELLO”

Gumersindo Galego e maila filla do poeta descubriron esta tarde no Monumento ao Camiñante Descoñecido unha praca co poema “Irmán Camiñante”

“Camiñante, camiñante, / sen nome, descoñecido, / o teu corpo fadigante, / arrepousa, / camiñante, / niste recanto belido.” Son algúns dos versos que, dende hoxe, lembran ao poeta do Penedo, Xosemaría Pérez Parallé, no Monumento ao Camiñante Descoñecido. Numerosas persoas asistiron esta tarde ao descubrimento dunha praca na que se recolle o poema completo, doado pola familia do segrel. O acto, en lembranza a Xosemaría Pérez Parallé foi organizado polo Concello de Fene en colaboración coa sociedade Liga de Amigos de Barallobre, reuniu en Barallobre a representantes da Corporación Municipal e do movemento asociativo do Concello. Tamén asistiu o escritor e catedrático de lingua galega Xesús Alonso Montero. O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, aproveitou a súa intervención para pedir “que o legado literario de Pérez Parallé quede no concello”.

A xornada de lembranza ao segrel do Penedo completouse tamén esta tarde coa presentación do libro de actas do Congreso sobre Xosemaría Pérez Parallé, celebrado hai agora catro anos na Liga de Amigos de Barallobre. A publicación recolle as verbas pronunciadas naquel encontro por persoeiros coma o intelectual e artista Isaac Díaz Pardo, o historiador Xosé Ramón Barreiro, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, o profesor da Universidade de Léon Javier González, o enxeñeiro naval Primitivo González, a investigadora Patricia Arias Chachero ou o tamén escritor e membro da RAG Xesús Alonso Montero. O libro inclúe tamén as colaboracións de Bernardo Máiz, Juan José Rodríguez, Esperanza Piñeiro e José Ramón Vázquez.

¡Irmán Camiñante!

Camiñante, camiñante,
Sen nome, descoñecido,
O teu corpo fadigante,
Arrepousa,
Camiñante,
Niste recanto belido.

Camiñante, apousamento
Fai no teu longo camiño,
Carón diste Monumento;
Camiñante,
Apousamento
Pra acadares aloumiño.
Camiñante que camiñas
Nas noites, nas madrugadas,
De estreleiras camariñas;
Camiñante
Que camiñas
Por corredoiras e estradas.
Camiñante de horizontes,
De lestes e nordesíos,
De valgadas e de montes;
Camiñante
De horizontes,
De relanzos e ventíos.
Camiñante das ribeiras,
Das chairas das beiramares
E das petadas romerias;
Camiñante
Das ribeiras,
Dos muiñeiros cantares.
Camiñante pelegriño,
Do caxado e da fardela,
Có remate do camiño,
Camiñante pelegriño,
Buscas a cunha e a estrela.
Camiñante iluminado
De amenceres e solpores
E do sorriso orvallado;
Camiñante
Iluminado
De recendíos coores.
Camiñante, en Barallobre,
Pobo rexo agarimento,
Pescador, labrego e nobre,
Camiñante,
Barallobre,
Ergueu, pra ti, un Monumento.

Camiñante, Camiñante,
Meu Irmán descoñecido,
A miña man arelante,
Camiñante,
Camiñante, vai niste verso sentido.

20 de maio de 1984.
O Penedo Barallobre

Puedes cliquear en la imagen para verla de mayor tamaño

Poema ¡Irmán Camiñante!

No hay comentarios:

Publicar un comentario