lunes, 3 de octubre de 2011

O PSOE de Fene presenta unha moción apoiando a construción do dique flotante e reclamando a implicación da Xunta no proxecto

Os socialistas de Fene, respondendo á solicitude feita esta semana polos Comités de Empresa de Navantia Fene e Ferrol, apoian a mobilización comarcal do 6 de novembro

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Fene rexistrou no día de hoxe unha moción na que se comprometen coas reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Navantia, que reclaman máis carga de traballo para os estaleiros da Ría de Ferrol e a construción inmediata dun dique flotante ao servizo das factorías de Fene e Ferrol.

Ao igual que os Comités de Empresa, os socialistas de Fene entenden que a construción do dique flotante permitiría, por unha banda xerar unha actividade nos estaleiros da ría, tanto para o persoal da empresa como para a industria auxiliar da comarca, que paliaría a alarmante falta de carga de traballo á que se chegará en breve. Sería un balón de oxíxeno co que poder sobrevir mentres Navantia vai enchendo a súa carteira de pedidos con algúns dos varios contratos aos que se ten presentado en diferentes países.

Por outra banda, dotar aos estaleiros da ría dunha infraestrutura deste tipo supón a aposta polo futuro da división de reparacións, a única de Navantia que a día de hoxe da beneficios e un nicho de mercado no que as antigas ASTANO e BAZAN poden medrar moito no futuro, xa que está menos afectado pola competencia do naval asiático.

Ao respecto Iván Puentes sinala que “a diferenza do que teñen feito outros partidos, que chegaron incluso a reclamar desde a esquerda a privatización do estaleiro, o PSOE de Fene sempre apoiou as reivindicacións do Comité de Empresa de ASTANO e nesta ocasión seguiremos estando ao lado dos traballadores e traballadoras, loitando con eles polo que consideramos xusto.”

Implicación da Xunta de Galicia co dique flotante

Unha vez que esta semana o Delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, anunciase o compromiso do Goberno de España de aportar a través de Navantia o 50% do custe da construción do dique flotante, os socialistas de Fene cren que chegou o momento de que a Xunta demostre o seu suposto compromiso co naval da comarca aportando o 50% restante.

En palabras de Iván Puentes “levamos meses escoitando falar a Feijoo do seu apoio ao sector naval. Agora chegou o momento de que se molle, de que el e o PP sigan o exemplo do Goberno de España e, ademais de falar do seu apoio aos estaleiros da Ría de Ferrol, o demostren con feitos e vexamos que non só lles importa o naval de Vigo. Iso faise implicando á Xunta de Galicia no financiamento do outro 50% do dique flotante, tal e como reclaman os traballadores e traballadoras.”

Finalmente o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Fene amosa na moción o seu apoio á mobilización convocada polos sindicatos da comarca para o vindeiro 6 de novembro e solicita a implicación do Concello como institución no apoio e difusión da mesma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario