sábado, 21 de noviembre de 2009
O arousán Ramón Nieto Otero recolle en Fene o XXII premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé
O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene entrega hoxe, ás oito da tarde, no seu local social o XXII premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé a Ramón Nieto Otero. Este autor, nacido na Illa de Arousa, convenceu ó xurado cun poemario presentado co seudónimo “Glas-Ao” e que se titula “A estación única dunha illa”. O seu traballo foi escollido entre máis dunha vintena de títulos, nun ano de gran calidade nos orixinais. De feito, os xuíces (Baldo Ramos, Carmen Bar e Susana Sánchez Aríns) destacaron ademais os textos “O xardín de inverno” e “Noites na casa do pai”.
Ramón Nieto está licenciado en Filoloxía Inglesa e, tras facer o último ano de carreira en Bruxelas, grazas a unha beca Erasmus, ficou alí dedicado ó ensino da lingua inglesa. Ademais, ten estudos de música clásica e de jazz e é afeccionado ás embarcacións tradicionais (navega en dorna pola ría de Arousa).
O premio Pérez Parallé convócase co apoio do Concello de Fene, a Xunta, a Deputación, Radiofusión e a editorial Espiral Maior, que se compromete a publicar o traballo gañador. Ademais, o autor recibe unha peza de cerámica do artista Francisco Pérez Porto. No acto haberá un concerto do grupo de música folk Son + D2.
O galardón naceu hai 22 anos e, na actualidade, dedícase a promover a obra de autores iné-ditos en poesía.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario