sábado, 8 de octubre de 2011

O Pleno aproba por unanimidade a moción do PSOE solicitando medidas de seguridade logo do escape de Gas de San Valentín


Na sesión plenaria do Concello de Fene, celebrada na tarde de onte, todos os grupos políticos votaron a favor da moción presentada polo PSOE a raíz do escape de gas producido na avenida do Mar de San Valentín o pasado 19 de xullo.

No documento aprobado os socialistas solicitan a Gas Natural que proceda a unha revisión punto por punto de todos os elementos de seguridade da rede de gas no Concello de Fene. No caso do accidente de San Valentín, os técnicos tardaron máis de dúas horas en cortar o escape de gas porque a chave de paso da zona non estaba no lugar no que os planos dicían que estaba, tardando moito máis do debido en solucionar este accidente e aumentando considerablemente o risco para os veciños e veciñas.

Na moción tamén se lle pide a Gas Natural que entregue ao Concello de Fene unha copia de toda a rede de gas cos seus elementos de seguridade para que no caso doutro acidente similar os servizos municipais de emerxencia, policía local, protección civil e bombeiros podan ter acceso a eles de xeito inmediato. Ademais, tamén se lle solicita á empresa gasista que elabore un plan de emerxencias detallado que permita resolver este tipo de situacións no menor tempo posible.

Por último, a iniciativa socialista reclama á UTE Ares Fene (COPASA e Taboada e Ramos) adxudicataria das obras do colector de augas residuais da banda Sur da Ría de Ferrol e responsable da rotura da tubería de gas en San Valentín, que se poña a disposición dos veciños e veciñas para tramitar as compensacións ás que podan ter dereito por ser desaloxados da súa casa durante varias horas, ver interrompido o suministro de gas e outras molestias varias ociasionadas a unha poboación de idade avanzada en moitos casos.

O portavoz socialista, Iván Puentes apunta que “só a boa sorte impediu que un escape de gas de dúas horas nunha zona tan poboada como San Valentín quedase simplemente niso, pero a situación de risco para a poboación foi moi grave. Temos que aprender do sucedido para que situacións como esta non se repitan no futuro”

No hay comentarios:

Publicar un comentario