O portavoz municipal do PSdeG-PSOE considera “de extrema urxencia” constituír este órgano para “facer un esforzo colectivo que lle pare os pes ao PP e á Xunta de Galicia, evitando a reducción de prazas e o peche de colexios públicos en Fene.
Por segunda vez no que vai de semana, os Socialistas de Fene róganlle ao novo goberno municipal que constitúa de inmediato o Consello Escolar Municipal. Un órgano do que forman parte pais, nais, alumnos, direccións dos centros, grupos políticos, sindicatos e a propia Xunta de Galicia e que, a xuízo dos socialistas, debe ser o que, neste momento crítico para o futuro do ensino público en Fene, coordine as accións que se leven a cabo para defender o dereito dos feneses e fenesas a recibir unha educación pública, gratuíta e de calidade no seu concello.
“A Xunta segue anunciando cada día novos recortes que afectan ao ensino público de Fene e o Goberno Municipal non reacciona. Salvo mandar un fax sen resposta ao Conselleiro de Educación, non sabemos unha soa cousa que teña feito o PP de Fene para que os seus compañeiros de partido en Galicia rectifiquen. Cada día que pasa é un día perdido e por iso pedimos que se convoque xa o Consello Escolar Municipal para facer unha fronte común que salve os nosos colexios”, afirma Iván Puentes.
O PSOE de Fene leva 8 meses denunciando, xunto coas direccións dos centros, as ANPAS e os alumnos e alumnas, as intencións da Xunta de Galicia de reducir profesorado e de pechar colexios en Fene. De feito, no pasado mes de decembro, cando os socialistas aínda gobernaban Fene, aplicaron desde o goberno o mesmo que agora lle solicitan ao PP, Iván Puentes convocou daquela un Consello Escolar Municipal para tratar este asunto e creouse no seu seo unha comisión de traballo sobre o mesmo.
Nese momento, a reacción do PP en Galicia e en Fene foi negar que existisen eses plans ocultos da Xunta que denunciaba o Partido Socialista e acusar ao daquela Alcalde, Iván Puentes, de mentirlle aos pais e nais e de crear polémicas infundadas. Pasadas as eleccións municipais, desgraciadamente demostrouse que os socialistas estaban no certo e que foi o PP de Fene e de Galicia quen lle mentiu aos veciños e veciñas ao negar uns plans de exterminio de colexios públicos que agora están a aplicar con toda virulencia, afectando incluso a máis centros dos que os socialistas xa preveran no mes de decembro.
Os recortes do PP afectan a case todos os colexios públicos de Fene
Por agora a Consellería de Educación xa ten anunciado oficialmente un severo recorte de profesorado nos colexios de Os Casais (Maniños) e O Ramo (Barallobre) ademais da aniquilación do Instituto de FP, que se fusionará co de Bacharelato e que perde todos os seus ciclos superiores e parte dos medios, que a Xunta de Galicia trasladará o vindeiro curso a Ferrol.
Ademais destes retrocesos xa oficiais, a Xunta ten anunciado tamén oficiosamente o posible peche da escola de Limodre e a reducción dunha unidade de infantil no colexio de Centieiras (Perlío) un colexio público que o ano pasado tivo exceso de matrícula, o que fai aínda máis difícil entender as decisións do goberno do PP.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario