O Alcalde de Fene afirma que “ao igual que logo do Entroido chega a pobreza da coresma, a Fene chega Feijoo, pero el é peor que a coresma, porque en lugar de corenta días son xa dous anos os que leva paralizando proxectos vitais para os veciños e veciñas do noso concello”.
O Goberno Municipal de Fene ten constancia a través dos medios de comunicación, non de xeito oficial, de que hoxe pasará polo noso concello o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Unha visita que o Alcalde lamenta que se produza simplemente para participar nun acto electoral do PP e non para visitar a Casa do Concello e falar con Iván Puentes do que de verdade lle preocupa aos nosos veciños e veciñas, as moitas actuacións que o Goberno Galego ten pendentes en Fene desde que gobernan os populares.
Puentes lembra que son máis de dez as obras que o anterior Goberno Galego deixou comprometidas en Fene, obras que o PP agora se nega a executar. Destacan o abastecemento de auga a Magalofes, a auga e o alcantarillado de San Marcos e a parte alta de Sillobre, a escola infantil de Barallobre, o centro de día, a apertura do cauce do río Cádavo en Perlío, a ampliación do centro de saúde do Tarrío, o punto limpo de Vilar do Colo, os locais de ensaio de Fene, as vivendas sociais do Sartego, o remate das beirarrúas de Marqués de Figueroa, o pavimento de camiños en diferentes parroquias ou uns 200.000 € para obras de auga e alcantarillado en diferentes núcleos do concello.
O Alcalde sinala tamén que “Feijoo debe comprometerse a non volver a mentirlle aos pais e nais do colexios de Fene e dicir alto e claro que o seu goberno non vai pechar os colexios de Os Casais, O Ramo, Sillobre ou Limodre e que tampouco vai reducir prazas de mestre no noso municipio”.
Iván Puentes apunta ademais que é intolerable que, logo da mobilización masiva dos veciños e veciñas de San Valentín xunto cos doutras parroquias do concello para defender o futuro da Cooperativa de Transportes Vieiro, pechada por unha decisión inxusta e unilateral da Xunta de Galicia, Feijoo teña o valor de pisar Fene sen aportar unha soa solución a este problema. O conxunto de grupos políticos e os representantes de Vieiro levan agardando máis dun mes para ser recibidos polo Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas precisamente para falar deste asunto. Decididamente ao Goberno do PP só lle preocupa Vieiro para pechalo canto antes.
Por último, o Goberno Municipal de Fene quere expresar tamén publicamente o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores do mar da Ría de Ferrol e particularmente dos da Confraría de Barallobre, perxudicados por un novo recorte social do Goberno de Feijoo.
Que o PP só pensa nos intereses dos que máis teñen é algo que todo o mundo sabe, pero é miserable que pretenda suprimir ata o dereito a unha pensión digna para os mariscadores e mariscadoras. Hoxe tamén sería un bo día para que o Presidente da Xunta lles aportase solucións.
En definitiva, o Goberno Municipal de Fene lamenta que a primeira visita de Feijoo ao concello desde que é Presidente de Galicia sexa para vir de “mitineiro” a falar da nada, porque iso é o que fixo o PP de Fene estes catro anos, nada, en lugar de ser para desbloquear os moitos compromisos pendentes do seu goberno cos veciños e veciñas deste Concello.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario