O colectivo de mariscadoras e mariscadores da Confraría de Barallobre continúa o peche no Concello de Fene comezado na noite do venres ao sábado. Reclaman, en primeiro termo, que se lles abonen os pagos que lles corresponden polos traballos de mantemento, pendentes dende o mes de novembro, cando o Parlamento Galego aprobou unha Proposición non de Lei presentada polo BNG na que se aseguraban estes pagamentos.
En segundo lugar, o colectivo reclama que se realicen dunha vez os necesarios traballos de rexeneración da Ría, limpeza e sobre todo, axilización das obras para a posta en marcha das estacións depuradoras de augas residuais, que acumulan un atraso inasumíbel.
Membros da Asemblea Local do BNG de Fene expresaron persoalmente o seu apoio ás mariscadoras achegándose ata o Concello durante o día e a noite de onte, e o seguirán a facer mentres dure o peche. Así mesmo, a Responsábel Comarcal do BNG de Ferrolterra, Mercedes Tobío, e mailos deputados autonómicos Fernando Branco e Bieito Lobeira, estiveron onte en Fene para secundar as reivindicacións do colectivo.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario