jueves, 2 de febrero de 2012

O fotoxornalista ferrolán Luis Polo presenta na Casa da Cultura de Fene a exposición “6 JUIN 1944 (DÍA D)”


A mostra recolle unha colección de fotografías realizadas nos principais escenarios do famoso desembarco de Normandía

Impactantes e, en certa medida, sobrecolledoras resultan as imaxes que dende mañá, venres, se poderán ver na Casa da Cultura de Fene. Esta nova exposición, asinada polo fotógrafo Luis Polo, poderá visitarse do 3 ao 27 de febreiro en horario, de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas.

“6 JUIN 1944 (DÍA D)” recolle unha quincena de imaxes -tomadas en 2005- nas que se documentan os principais escenarios do famoso desembarco das tropas aliadas en Normandía o 6 de xuño de 1944. Trátase, na súa meirande parte, de fotografías realizadas nas praias nas que desembarcaron as diferentes tropas militares e de cemiterios, coma o militar americano de Saint James, o de Omaha (onde se levanta un monumento conmemorativo) ou o alemán de La Cambe. A estas fotografías súmanse tamén as de restos da batalla, como as baterías de Azeville e Crisbeg.

Luis Polo (Ferrol, 1974) cursou os estudos de Fotografía Profesional na academia PC Carrier de A Coruña. Dende o ano 2004, a súa vida profesional desenvólvese no mundo da fotografía de prensa, traballando nos últimos anos no xornal Diario de Ferrol. As súas imaxes formaron parte de varias edicións do Galicia en Foco.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario