martes, 5 de abril de 2011

O Goberno de Fene aclara os cartos que ten pendentes de cobro o CPS de San Valentín

En resposta ás manifestacións feitas públicas pola directiva do Centro de Promoción Social de San Valentín, O Goberno Municipal de Fene aclara o estado no que se atopan cada un dos tres conceptos que reclama a entidade ao Concello de Fene.

Organización da Xuntanza de Palilleiras

As dúas únicas facturas pendentes de pago foron aprobadas no último pleno ordinario, o 3 de marzo. Posteriormente á celebración dese pleno, os servizos da Secretaría Municipal redactaron a acta do pleno, requisito imprescindible para que o Secretario poda certificar calquera acordo. O certificado da aprobación desas facturas está xa asinado e nos vindeiros días a tesoureiría municipal lle ingresará ao CPS o importe das dúas facturas, 2.447,70 € dunha delas e 4.004,90 € da outra.

A Directiva do CPS coñece perfectamente o estado no que se atopan estas facturas, porque son coñecedores dos asuntos que se levan a pleno e porque o tema foi tratado na última xuntanza mantida entre o Concello e o CPS hai escasas semanas.

Subvención Ordinaria

A subvención á que fai referencia a directiva do CPS é a subvención correspondente á convocatoria ordinaria de axudas para entidades culturais, que cada ano publica a Concellería de Cultura. Concretamente, trátase da subvención publicada no ano 2010 para sufragar os gastos das actividades organizadas no 2009.




O pasado mes de agosto as entidades que solicitaron estas axudas aportaron a primeira documentación. Como ocorre sempre, algunhas entidades aportaron toda a documentación requerida e a outras, sempre de acordo co criterio da Intervención Municipal, houbo que solicitarlles que aportasen máis documentación ou ben que subsanasen algúns extremos da mesma, caso do CPS. Durante os meses seguintes vaise aportando documentación por parte das entidades e requerindo novos datos por parte do Concello ata que todo estea correcto para poder pagar as axudas. O Centro de Promoción Social de San Valentín entregou hai unhas semanas os últimos documentos que lle requeriu o Concello.

A partir de aí, a subvención do CPS, xa con toda a nova documentación aportada, pasou esta semana a Intervención para que este departamento fiscalice a axuda e emita o informe favorable que permita o seu pagamento. Polo tanto, de estar xa correcta toda a documentación, a vindeira semana debería quedar este tema xa definitivamente solucionado e o CPS cobrar os 2.420.91 € que lle corresponden desta axuda.

Axencia de Lectura

Durante os anos de goberno do BNG, o Concello e o CPS chegaron a un acordo polo cal o Concello alugaba un local do CPS en San Valentín para crear unha axencia de lectura. Froito deste acordo os anteriores Gobernos de Fene pagaron ao CPS diversas cantidades, pero nos anos 2004 e 2006 o goberno do BNG non pagou os 7.200 € que supostamente lle tiña que aboar á sociedade.

Cando o actual Goberno de Fene asume a súa responsabilidade, en xuño de 2007, a directiva do CPS faille saber que están pendentes de cobrar os 14.400 € que o goberno do BNG non lles pagou en 2004 e 2006 polo aluguer da axencia de lectura. Comprabados os datos existentes no Concello ao respecto, os servizos económicos municipais indícanlle ao Goberno que non existe no Concello ningunha factura pendente de pago por este concepto nin ningún outro documento que recoñeza e polo tanto permita ao Concello de Fene aboar tal cantidade.


Aínda así, o Goberno Municipal, que non dubida da palabra dos directivos do CPS, maniféstalles a estes a súa vontade de atopar unha solución que sexa asumible por ambas partes, e sobre todo legal, pero tendo en conta as dificultades que para o Concello supón asumir un gasto do que non existen facturas e que non consta na contabilidade municipal. Esta mesma vontade de solución lle foi transmitida ao CPS na xuntanza de hai unhas semanas, explicándolle tamén tódalas dificultades existentes e comprometéndose a explorar con intervención a posibilidade de aboar unha parte deses cartos a través do novo orzamento municipal.

En resumo, os 8.873,51 € correspondentes aos pagos pendentes da organización das xuntanzas de palilleiras e da subvención ordinaria de cultura do ano están xa preparados para poder ser aboados de xeito inmediato, mentres que para pagar os 14.400 € da axencia de lectura dos anos 2004 e 2006 primeiro haberá que atopar unha saída legal que permita o pago dunha cantidade que, como se dixo, non está recoñecida na contabilidade municipal.

En todo caso, o Goberno Municipal de Fene afirma unha vez máis a súa vontade de colaboración e diálogo co CPS de San Valentín para solucionar todos cantos problemas e preocupacións podan existir entre ambas partes.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario