sábado, 2 de abril de 2011

O BNG apoia a concentración convocada por AETNA contra a ampliación do parque empresarial de Vilar do Colo

A Asamblea local do BNG de Fene decidiu onte apoiar a concentración convocada polo colectivo de Maniños AETNA (Asociación Etnográfica e da Natureza) contra a ampliación do parque empresarial de Vilar do Colo en 700.000 metros cadrados. Unha ampliación anunciada polo alcalde Iván Puentes trala sinatura dun protocolo co Ministerio de Fomento hai poucos días.

Ademais das razóns ambientais e de sustentabilidade expostas pola asociación AETNA e que o BNG comparte, os nacionalistas de Fene queren achegar máis argumentos e máis luz sobre este asunto.

O goberno nacionalista de Fene impulsou o parque empresarial de Vilar do Colo en dúas fases. A segunda fase segue sen rematarse pola incapacidade dos alcaldes de Fene e Cabanas de resolver o conflito existente cos veciñes de Laraxe (Cabanas) e dar por fin unha solución para o remate do polígono.

O parque empresarial carece actualmente dunha política de impulso e promoción, o que fai que se atope nunha situación de semi-abandono.

Os alcaldes de Fene e Cabanas foron incapaces de pór en marcha o Ente de Conservación de Vilar do Colo, cando as anteriores corporacións xa deixaran aprobados os estatutos do mesmo en 2006.

Ao mesmo tempo, segue sen construírse a balsa de decantación ao río Baa, contemplada na segunda fase aínda pendente. Esta balsa impediría os verquidos de áridos ao río que acontecen na actualidade.

No ano 2005, o BNG no goberno de Fene iniciara unha modificación do Plan Xeral no parque empresarial de Vilar do Colo e a Ronda Oeste. Esta modificación suporía unha ampliación da superficie do polígono na contorna do mesmo incluíndo tres zonas, unha xa con construcións industriais e que na actualidade están fora de ordenación, e outras dúas anexas ao actual viario industrial e sen unha afección desde o punto de vista ambiental ao estar na práctica incluídos no propio polígono. O alcalde de Fene, Ivan Puentes, paralizou aquela proposta de modificación para, 4 anos despois, non ter nada máis que un anuncio pre-electoral dunha ampliación innecesaria, inconveniente e, ademais, non fundamentada no planeamento urbanístico.

Por todo isto, o BNG de Fene apoia a concentración convocada por AETNA para este domingo, 3 de abril, ás 12:30 horas nas inmediacións do Colexio Os Casais de Maniños.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario