viernes, 11 de marzo de 2011

OS CONCELLOS DE ARES, FENE E MUGARDOS COMPARTIRÁN AS PRAZAS DO CENTRO DE DÍA DE MARINA DO POMBAL PARA OS SEUS DEPENDENTES


Os alcaldes de Ares, Julio Iglesias; Fene, Iván Puentes; e Mugardos, Xosé Fernández Barcia, realizaron esta mesma tarde a presentación do centro de día de Marina do Pombal, ubicado na parroquia aresana de Caamouco, cuxa xestión, á espera os dous últimos de que a Xunta por fin decida executar as instalacións demandadas polos seus respectivos gobernos locais, será finalmente compartida. E é que, aínda que este centro pertence a Ares, o certo é que, como explicou o rexedor local, Julio Iglesias, os drásticos recortes do Executivo galego do PP en políticas sociais levaron a este municipio a ofrecer aos concellos veciños de Fene e Mugardos a xestión conxunta das instalacións, que por lei teñen que ofrecerse aos dependentes –tanto do concello no que se ubica o centro como no caso dos limítrofes- e, polo tanto, compartir tanto as prazas ofertadas, 61 no caso de persoas que estean a xornada completa, como os gastos –cada municipio asumirá o custe dos seus usuarios-. Neste sentido, Iglesias informou de que, en virtude dos convenios que os concellos con centro de día están a asinar co Consorcio Galego da Igualdade e do Benestas, Ares tería que pagar un tercio dos custes totais do servizo, se ben, unha ben que se sumen á xestión Mugardos e Fene, os gastos asumiranse en función das prazas cubertas por cada un ata chegar a este tercio do total que deben asumir as administracións locais. Os tres rexedores coindiciron tamén en valorar esta opción para o futuro no casos de que os centros de día de Fene e Mugardos, tal e como veñen reclamando Puentes en Fene e Barcia en Mugardos, sexan executados polo Consorcio.

Unha vez que os tres concellos chegaron a este acordo, froito dunha decisión “responsable” e que redundará en beneficio dos dependentes de cada un destes municipios, os seus respectivos alcaldes xa solicitaron unha reunión co xerente da área de Benestar do Consorcio, Luis Lorenzo Mur, para artellar este modelo de xestión a tres bandas e ratificalo a través do convenio correspondente.
Nesta reunión, os alcaldes tamén reclamarán que no prego de condicións que se redacte para a concesión da prestación do servizo, ou ben a través do 065, se contemple a necesidade de dispor de transporte público adaptado, un aspecto fundamental para realizar os desprazamentos dentro do propio municipio ou entre estes concellos.

ORIXE E CARACTERÍSTICAS DESTE MODERNO INMOBLE

A construcción do centro de día de Marina do Pombal resposta a unha firme aposta do goberno local de Ares iniciada dende o primeiro momento do actual mandato. Neste eido, o alcalde, Julio Iglesias, subliñou os esforzos realizados por este goberno local, así como a colaboración total e permanente coa administración autonómica –fora do signo político que fora- ao longo de todo o proceso de execución do centro de día para maiores. Proceso que se iniciou o mesmo ano no que o rexedor accedeu ao goberno local, en 2007, solicitando ao Consorcio a construcción destas necesarias instalacións e ofrecendo unha parcela de titularidade municipal de máis de 5.000 metros cadrados para poder levar a cabo o inmoble. As negociacións, como pode constatarse, chegaron a bo porto e o Consorcio iniciou o proceso constructivo do centro de día nesta superficie cedida pola administración local, destinando un orzamento cercano aos 780.000 euros –dividido en dúas anualidades: 2008 e 2009- para as obras.
Precisamente en abril do pasado ano, o alcalde e o director da área de Benestar do Consorcio visitaban as instalacións para planificar o traballo a desenvolver unha vez que as obras viñan de rematar e foran recepcionadas. Pasados os meses e, polo menos no que respecta ao Concello, realizados os trámites que lle correspondían, como eran os de poñer en marcha os servizos pertinentes –auga, electricidade, teléfono, etc.-, levar a cabo os traballos de mantemento e, hai aproximadamente un mes, conceder a licenza de actividade requerida polo Consorcio, tócalle á Xunta, responsable do equipamento e da xestión do centro, mover ficha e proceder á apertura do servizo.

Como xa o fixera coa licenza, Iglesias reclamou a apertura “inmediata” do centro de día, que ofrecerá un servizo público “fundamental” para un tipo de poboación, como son os dependentes, que precisan dun coidado moi específico e especializado. O rexedor socialista lembrou as “magníficas” instalacións das que poderán disfrutar os seus usuarios.

En canto ao inmoble, trátase dunha edificación aillada dunha pranta, formada por unha peza rectangular situada en forma paralela á rúa e tres bloques construidos dunha forma perpendicular á primeira. En total, habilitáronse catro áreas diferenciadas: Acceso e recepción; actividade (cunha sala polivalente, taquillas, sala de rehabilitación, sala de curas/consultas médicas, comedor, habitación de lecer, tres baños asistidos e 2 aseos asistidos); administrativa e de atención do persoal (despachos, sala de xuntas, etc.); e auxiliar e de servizo (cociña, despensas, almacéns, lavandeiría, etc.). A superficie útil construida é de 749,80 metros cadrados.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario