miércoles, 23 de marzo de 2011

O BNG organiza en Fene unha charla informativa sobre a nova Lei de Augas

O candidato á alcaldía de Fene, Juventino Trigo, e mailo portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, informarán á veciñanza sobre a Lei de Augas de Galiza, aprobada no Parlamento galego cos únicos votos a favor do Partido Popular, e que supón o pagamento dun imposto sobre a auga tamén nos pozos ou traídas privadas.

A charla informativa será este xoves 24 de marzo a partir das 20 horas no local social Agarimo de Sillobre, unha parroquia de Fene na que moitos veciños e veciñas non teñen aínda rede pública de auga nin de saneamento. Porén, non están excluídos do pagamento deste novo canon.

No concello de Fene, o grupo municipal do Bloque presentou unha moción de rexeitamento do anteproxecto de lei no mes de xullo do ano pasado. O acordo propoñía a retirada do que era aínda un proxecto da lei de Augas de Galiza e a elaboración dun novo que fose sometido a consulta pública.

Entre as propostas do BNG figuraba a de “garantir o acceso ao ciclo completo da auga a todos os cidadáns e cidadáns de Galiza en igualdade de condicións”. É dicir, tal e como declarou Juventino Trigo, “trátase de comezar polo principio. Primeiro, que todo o mundo teña auga, e despois xa veremos como regulala para o seu uso sustentable”.

Esta moción foi aprobada cos votos en contra do PP, un partido que, segundo o candidato á alcaldía, Juventino Trigo, “é especialista en dicir unha cousa e logo facer outra”.

Ademais, a nivel galego, o BNG ten rexistrado no Parlamento 14.000 sinaturas para que o goberno derrogue este canon, e atópase inmerso nun traballo informativo para que toda a sociedade galega teña coñecemento das pretensións do executivo, que pasan por cobrar a auga dos pozos ou traídas en lugares onde non existe subministro público.

Juventino Trigo anima a toda a sociedade fenesa a achegarse a esta charla, na que Carlos Aymerich, que é profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, explicará a aplicación e consecuencias da nova Lei de Augas e as posibilidades que existen de evitar que entre en vigor.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario