O local municipal de ensaio musical atópase na Rúa San Salvador, na parroquia de Perlío e está equipado para o ensaio dos grupos ou colectivos de mozos e mozas do Concello de Fene
O local divídese en dous espazos, un de ensaio e gravación e outro de almacén
A partir de hoxe ponse en funcionamento o local municipal de ensaio musical que se atopa na rúa San Salvador de Perlío Ademáis ábrese o prazo para presentar as solicitudes de uso desta infraestructura municipal. Dende hoxe e ata o luns 11 de abril estará aberto o prazo para presentar os documentos de solicitude de uso do local. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Fene (1º andar) en horario de 9.30 a 13.30 horas, do mércores 30 de marzo ata o luns 11 de abril de 2011.
As persoas interesadas achegarán na dita solicitude as fotocopias compulsadas do Documento Nacional de Identidade de cada un dos/as membros do grupo, así como tamén un certificado de empadroamento orixinal (no caso de persoas do Concello de Fene).
Na adxudicación dos horarios e días para a ocupación lo local, terase en conta por rigorosa orde de presentación de solicitudes no rexistro de entrada; xa que cada grupo deberá solicitar os días e horas de uso preferentes.
Para máis información:
• Oficina Municipal de Información Xuvenil Fene (Avda. Naturais 44, entrechán dereita -Tlf.: 981.34.03.66)
• Correo: omix@fenecidadan.net
• Páxina web: www.fenecidadan.net
O local municipal de ensaio era unha vella demanda da sociedade fenesa, afirma o alcalde Iván Puentes. O rexedor destaca que dende o comezo do mandato se fixeron xestións para dotar a Fene de locais de ensaio para os grupos musicais e para a xuventude fenesa. Dende hai dous anos realizáronse xestións coa anterior Xunta de Galicia e chegouse a un acordo co anterior goberno galego onde a Xunta poñia 200.000 euros para a reforma e rehabilitación dos locais e o Concello poñía os locais e o proxecto. Os proxectos estaban xa redactados e elaborados á espera da sinatura para o convenio, sinatura que non se produciu xa que a actual Xunta de Galicia ten a actuación parada. O alcalde denuncia que dende hai 2 anos, o actual goberno galego non amosou ningún interese en solucionar o problema. Ante este abandono por parte da Xunta, o goberno de Fene acordou retomar o proxecto e restaurar este local, estes módulos da Rúa San Salvador, con persoal municipal. Rehabilitouse o chan, reformouse o tellado, baños, pintouse o módulo, etc…
O Concello redactou unhas normas reguladoras do funcionamento do local para a sociedade fenesa;
NORMAS REGULADORAS DA UTILIZACIÓN DO LOCAL MUNICIPAL DE ENSAIO MUSICAL
Artigo I: Presentación de solicitudes
a) Poderán presentar as solicitudes para o uso do citado local aquelas persoas, que en representación dun colectivo musical, con membros empadroados no Concello de Fene, precisen dun local para realizar ensaios musicais.
b) O 60% dos/as compoñentes do grupo ou colectivo teñen que estar empadroados no Concello de Fene.
c) O 75 % dos/as compoñentes do grupo ou colectivo teñen que ser menores de 35 anos de idade.
d) Deberase cubrir unha solicitude (Anexo I) onde cada membro do colectivo ou grupo presenta o seu Certificado de Empadroamento (no caso de ser de Fene); e a fotocopia compulsada do DNI.
e) A dita solicitude (Anexo I) presentarase por escrito no Rexistro Xeral do Concello de Fene (Casa do Concello, 1º andar); coa documentación debidamente cumplimentada.
Artigo II: Valoración das solicitudes e criterios de autorización do uso
a) Na adxudicación de horarios terase en conta a data de presentación de solicitudes.
b) Cada grupo deberá presentar tamén unha pequena memoria histórica e o seu repertorio musical
c) O Concello de Fene poderá solicitar canta información e documentación complementaria considere oportuna para aos efectos de resolver sobre a petición formulada.
Artigo III: Sobre os/as solicitantes
a) En ningún caso poderá destinarse este espazo municipal a fins distintos a aqueles para os cales se fai a solicitude. Só poderán acceder ao local os membros rexistrados no grupo.
b) Os/as usuarios/as deste espazo velarán pola súa limpeza e orde: despois de cada periodo diario procederase á súa limpeza deixando o local en boas condicións de uso.
c) Para ter acceso ao local no horario establecido, a persoa representante terá a garda e custodia da chave do local, facéndose responsable da súa perda.
d) O responsable estará na obriga de avisar con dous días de antelación se ocupan ou non o local de ensaio na data e hora asignada; tanto por vía telefónica como por correo electrónico á OMIX de Fene (cultura.deportes@fene.dicoruna.es - 981.34.03.66).
e) Unha vez dentro do local, o grupo deberá pechar a porta exterior da cancela coa chave asignada.
f) Para fomentar o uso do galego, cada grupo deberá incluír no seu repertorio algún tema en língua galega.
g) Facer como mínimo unha actuación ao ano, se o considera oportuno o Concello co obxecto de dalos a coñecer en púbico.
h) Antes do inicio de cada sesión de ensaio comprobarse o estado do local e do material, notificando calquera desperfeto ao Concello e poñéndoo en coñecemento á maior brevidade posible á OMIX.
i) Os usuarios ou usuarias da derradeira hora comprométense a abandonar o local nun máximo de 10 minutos unha vez rematado o seu período de utilización.
j) Os usuarios e usuarias deben atender ás indicacións do persoal da OMIX en todo o referido ao uso das instalacións así como do material ou mobiliario.
Artigo IV: Sobre o Concello de Fene
a) O departamento responsable do local de ensaio levará a cabo as xestións previas e posteriores ao funcionamento do local
b) As funcións do departamento responsable serán as seguintes:
I. Recepción, tramitación e notificación de solicitudes
II. Custodia e vixiancia do estado das instalacións
III. Xestión e coordinación do local
IV. Rexistro de asistencia
c) O Concello de Fene farase cargo da limpeza periódica das instalacións
d) Cando as necesidades o requiran, e previo aviso aos grupos ou persoas afectadas, o Concello resérvase o dereito de modificar os usos autorizados.
e) O Concello exímese de toda responsabilidade respecto á perda de obxectos persoais, roubo e deterioro.
Artigo V: Horarios
a) Os grupos poderán dispoñer do local varias horas á semana, dependendo do número de solicitudes.
b) A franxa horaria de utilización deste espazo será de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 - de 16.00 a 18.00 - de 18.00 a 20.00 e de 20.00 a 22.00 horas; e sábados e domingos de 10.00 a 12.00 - de 12.00 a 14.00 - de 16.00 a 18.00 - de 18.00 a 20.00 e de 20.00 a 22.00 horas, facendo un total de 30 horas semanais.
Artigo VI: Incumprimentos
O incumprimento das obrigas establecidas neste regulamento dará lugar á perda do derito ao uso e disfrute das instalacións e materiais do Local de Ensaio. Sen prexuízo das responsabilidades a que de lugar a normativa vixente.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario