Imagen de la reunión en San Valentín
Imagen de la reunión en Perlío
A canalización do Río Cádavo na zona baixa de Perlío, a iluminación e recollida de augas pluviais no Camiño da Matadora, ou os labores de mantemento do barrio de San Valentín, son as principais demandas que achegaron as asociacións de veciños ao BNG na reunión mantida onte. O candidato, Juventino Trigo, e todo o grupo nacionalista de Fene comparte totalmente con estes colectivos a súa preocupación.
A canalización do curso do Río Cádavo na zona baixa de Perlío é unha obra urxente, posto que a propia estrada xeral corre perigo de deteriorarse polas contínuas inundacións que alí se dan. Trátase dunha vella demanda que a día de hoxe segue sen solución, ao igual que outras 24 que a Asociación de Veciños de Perlío ten trasladado ao Concello por rexistro en 2008 e, das cales, só unha foi solucionada. Entre estas, destaca a recollida das augas pluviais do Camiño da Matadora e a dotación de alumeado público da dita vía.
Pola súa banda, o Centro de Promoción Social de San Valentín tamén trasladou ao BNG a súa preocupación pola falta de labores de mantemento do barrio que, aseguran, sufriron nos últimos catro anos. Ata o punto de que a rotura dunha táboa dun dos bancos instalados nunha rúa provocou varios accidentes entre nenos e nenas e que, despois de meses, segue sen cambiarse, e foron os propios veciños os que cubriron a táboa rota con papel adhesivo para evitar máis cortes. Reclaman tamén unha mellor iluminación e sinalización dos pasos de peóns e outras obras de importancia coma o posible soterramento das liñas de enerxía eléctrica.
O candidato á alcaldía de Fene e todo o grupo do BNG comparte cos veciños as súas inquedanzas, que derivan, segundo Juventino Trigo, “dunha total e absoluta deixadez e falta de xestión por parte do grupo de goberno”.
O BNG continuará coa súa rolda de contactos coa veciñanza e asociacións de Fene coa intención de dar a coñecer as liñas programáticas da organización para as eleccións municipais, recoller as inquedanzas das propias sociedades, presentar ao novo candidato, Juventino Trigo. Este proceso culminará a finais do mes de febreiro cunha previsión de 20 encontros con sociedades de todo tipo. O BNG elaborará o programa definitivo unha vez finalizada a rolda de reunións coa veciñanza. Esa é a nosa forma de facer política.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario