martes, 8 de febrero de 2011

As obras do ascensor do pavillón da Xunqueira comezarán a vindeira semana



O Alcalde afirma que o BNG erra unha vez máis ao acusalo de mentir sobre o estado destas obras. “É falso que non exista a acta de replanteo elaborada polos técnicos municipais, está feita desde hai dúas semanas e é falso que se teña iniciado a obra do ascensor, o único que se fixo ata agora foi acopiar maquinaria e ubicar as casetas dos operarios, traballos previos ao inicio das obras, que se ubicarán na fachada contraria á que sinala o BNG e na que por agora, como se pode comprobar, non empezaron os traballos, estando previsto o seu inicio para a vindeira semana”, sinala Iván Puentes.

O Goberno Municipal de Fene sae ao paso das falsas acusacións formuladas polo BNG contra o Alcalde a raíz da resposta dada por Iván Puentes no último pleno cando este grupo político preguntou polo inicio das obras do ascensor do pavillón da Xunqueira. Afirman os nacionalistas que sospeitan que as obras comezaron sen a debida supervisión técnica ao non existir acta de replanteo e que os traballos se están a desenvolver na fachada contraria á prevista. Pois ben, tanto unha cousa como a outra son rotundamente falsas.

Tal e como afirmou Iván Puentes na última sesión plenaria os traballos para a construción do ascensor no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) non comezaron aínda, feito que se pode comprobar in situ. O elevador situarase, de acordo co previsto no proxecto a que da á avenida das Pías, zona na que está previsto iniciar os traballos a vindeira semana. Polo tanto, a día de hoxe a obra non está empezada.

É rotundamente falso que non se estea a contar coa supervisión técnica necesaria previa ao inicio da obra, tal e como demostra a acta de replanteo asinada polo arquitecto técnico municipal hai xa dúas semanas, é dicir, unha semana antes do pleno no que o BNG acusa ao alcalde de mentir por “sospeitar” os nacionalistas que non existía este documento. Unha copia desta acta foi remitida hoxe mesmo ao Grupo Municipal do BNG, tal e como solicitou hai uns días por rexistro.

Por último, o BNG confunde o acopio de maquinaria e casetas de obra na fachada contraria, a que da ao colexio da Xunqueira, co inicio das obras do ascensor, que se ubicará, tal e como sinalamos na fachada que da á avenida das Pías. Na zona do colexio tan só se levantaron unhas poucas lousas das que conforman o chan do paseo marítimo para facer o asento das casetas de obra, que estaba previsto ubicalas nesta fachada, xa que a diferencia da que da ás Pías, esta conta con acceso rodado desde a avenida do Mar, o que facilita o acceso dos vehículos e dos traballadores ata as casetas.

Ademais, nesta fachada, ao redor das casetas de obra, acopiouse material e maquinaria de obra necesarios para cando empecen os traballos. A razón de acopialos nesta fachada foi a seguridade dos usuarios/as do pavillón, xa que é pola parte das Pías e non por esta pola que se entra e sae da instalación, habendo nesta moito menos tránsito de peóns e máis espazo.

Festas patronais de San Valentín e traslado de maquinaria

Ademais do dito, é importante sinalar que a Comisión de Festas de San Valentín solicitoulle ao Goberno Municipal deixar libre o espazo comprendido entre o pavillón e o Colexio da Xunqueira, no que se acopiara todo o sinalado, para que as casetas de obra, maquinaria e materias non interferisen na celebración das festas patronais da parroquia, previstas para esta fin de semana, posto que na zona se instalarán varias das atraccións para os máis pequenos e pequenas.

Así, o Goberno Municipal, atendendo a esta petición da comisión de festas, deulle orde hai días á empresa adxudicataria dos traballos de trasladar as casetas, maquinaria e material obra á fachada das Pías e situalos nas inmediacións da zona na que se executará a obra do ascensor. Traslado que se fixo ao longo desta mañá. Alí permanecerá todo o material acopiado e protexido ata que de verdade comece a obra.

A obra do ascensor do pavillón municipal da Xunqueira ronda os 126.000 €. e ten un prazo de execución de catro meses. Financiada cunha subvención da Deputación Provincial da Coruña, esta obra enmárcase dentro da aposta do Goberno Municipal de Fene pola eliminación das barreiras arquitectónicas, xa que a súa utilidade fundamental será a de permitir o acceso de persoas con mobilidade reducida ás gradas do pavillón, que neste momento son só accesibles mediante escaleiras.

.

2 comentarios:

  1. Para estar trabucado... so hai que ver as fotos. De agora e as da semana pasada.
    Non asumen que se equivocan, non asumen que nin miraron o plano.
    A obra trasladouse porque estaba mal situada. O BNG preguntou na comisión informatva do día 21 de xaneiro á Concelleira de deportes se aquelas casetas e máquinas correspondían ao parque para bicis e patins prevista pra o barrio e se non ían estorbar para a festa de San Valentin, e non dixo que aquilo tivera nada que ver coa pista pola que eu preguntei nin con ningunha outar cousa. O xoves día 3 de febreiro, saímos dende San Valentin ao Pleno cos veciños da Cooperativa Vieiro, e todo o mundo puido ver como se estaba empezando a obra, sacamos fotos, e no Pleno 2 horas despois o alcalde dixo que non eran as obras do ascensor, ao día seguinte venres non traballaron e o luns cambiaron a ubicación das obras e da maquinaria. Será posíbel tanta incapacidade para asumir un erro?

    ResponderEliminar
  2. Por certo eu pedin a acta de replanteo, non dixen que non a houbera, senon que as obras comezaron sen supervisión técnica. Iso seguro.E senon que o alcalde diga quen mandou poñer as máquinas e as casetas no lateral do colexio(campo da festa)

    ResponderEliminar