miércoles, 8 de septiembre de 2010

Matriculación das Escolas Deportivas e Culturais Municipais do Concello de Fene

O vindeiro luns, 13 de setembro, abre o período de matriculación das Escolas Deportivas e Culturais Municipais do Concello de Fene. As persoas interesadas en apuntarse en calquera das actividades programadas deben achegarse polas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín nas datas e horarios que a continuación se especifican.

A inscrición nas Escolas de Piscina realizarase os días 13 e 14 de setembro (só residentes en Fene) e 15 de setembro (poboación en xeral). Para a totalidade das Escolas Deportivas Municipais, as datas establecidas serán o 16, 17 e 20 de setembro (só residentes en Fene) e do 21 ao 24 de setembro (poboación en xeral). O horario de atención ao público no Pavillón Municipal “A Xunqueira” será de 9:00h a 13:30 h. (todos os días) e de 16:00h a 19:30h (os días 13, 15, 16, 21, 22 e 23 de setembro).
No caso das Escolas Culturais, a inscrición formalizarase do venres 1 ao xoves 7 de outubro (os días 1, 4 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6 e 7 de outubro, a poboación en xeral). Neste caso, o horario de atención ao público será de 9:00h a 13:30 h. (todos os días) e de 16:00 h a 19:00 h (o mércores 6 de outubro).

Dende a Concellería de Cultura, Xuventude e Deportes saliéntase a variedade de actividades organizadas no marco das Escolas Deportivas e Culturais Municipais do Concello de Fene para o curso 2010-2011.

Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras destacan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, xuvenil, de adultos e terceira idade, natación para embarazadas e natación terapéutica. No pavillón “A Xunqueira” haberá minibasket, iniciación ao baloncesto, pilates, ximnasia rítmica, bailes latinos, danza do ventre, aerobic, bailes de salón, ioga, patinaxe e rehabilitación funcional. Asemade, están previstas outras escolas deportivas en distintas instalacións do Concello de Fene coma o Centro Social (ioga), CEIP Centieiras (educación física de base, fútbol 7 e aerobic infantil), CPI A Xunqueira (aerobic e baile moderno) e ximnasio da Casa da Cultura (judo e karate).

En canto ás escolas culturais municipais, a oferta para o curso 2010-2011 pasa por actividades coma solfexo e piano, iniciación e perfeccionamento á guitarra, informática, teatro, iniciación ao francés, xogarte e obradoiro literario.

A maiores, a Concellería de Cultura, Xuventude e Deportes do Concello de Fene volve organizar distintos Obradoiros Deportivos e Culturais.

Entre os meses de outubro e decembro de 2010 celebraranse obradoiros de “alfabetización informática” dirixidos á poboación adulta (dous de nivel básico e outros dous de nivel medio). O prazo de inscrición para estas actividades estará aberto entre o 1 e o 8 de outubro nas dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita), en horario de 9:30h. a 13:30h. O mércores día 6, tamén en horario de tarde, de 16:30h. a 18:30h. As prazas (10 por cada obradoiro) cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Tamén se celebrarán a partir do vindeiro mes de outubro distintos obradoiros de “educación física contra a fatiga oncolóxica”. O Concello de Fene é pioneiro na organización deste tipo de actividades que teñen como obxectivo fundamental tentar reducir a fatiga que acompaña ao cancro e aos seus tratamentos. O período de inscrición prolongarase neste caso dende o 13 ao 24 de setembro, nas dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita), en horario de 9:30h. a 13:30h.

A incorporación dos alumnos e alumnas ás Escolas Deportivas e Culturais Municipais producirase a partir do vindeiro 1 de outubro (Escolas/Obradoiros Deportivos) e o 15 de outubro (Escolas/Obradoiros Culturais) no día da semana, hora e local fixado para cada actividade.

Para máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981-340366) ou consultar a normativa xeral de matriculación das devanditas escolas na páxina web municipal (www.fenecidadan.net).

Asemade, dende mañá xoves 9 de setembro, estarán a disposición de todos/as os usuarios/as os cadernos coa información das escolas en calquera das instalacións deportivas e culturais do concello, así como tamén o primeiro día de colexio nos centros educativos.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario