martes, 23 de marzo de 2010
Esta tarde O pleno do Concello de Fene aproba por unanimidade a moción de Rumbo 21
O BNG de Fene felicítase polo apoio unánime das forzas políticas con representación municipal á moción presentada pola plataforma Rumbo 21 en apoio á mobilización comarcal do vindeiro 27 de marzo.
En palabras do portavoz municipal do BNG Manuel Polo" as máis de 18.000 sinaturas de apoio á ILP do naval fixeron virse ao rego ao PSOE e IU". Estamos nunha situación de crise económica na que toda a unidade e apoios son necesarios para levantarlle o veto a ASTANO e recuperar o emprego nesta comarca e en particular no noso concello.
Dende o BNG de Fene facemos un chamamento unánime a participar na maniefestación do vindeiro sábado.
Pola creación de Emprego / Por un sector naval con futuro / Levantamento do veto XA!
MOCIÓN DE APOIO Á MOBILIZACIÓN COMARCAL DO DÍA 27 DE MARZO
A Iniciativa Lexislativa Popular de fomento do sector naval galego, que promoveu na nosa comarca Rumbo21 e que foi tomada en consideración por unanimidade no Parlamento galego a fins de decembro de 2009, tiña o obxectivo de mover a preocupación da nosa cidadanía a respecto da agonía do que noutros tempos foi un dos estaleiros máis importantes de Europa e tiña tamén a finalidade de impulsar desde a Cámara galega unha iniciativa que favorecera unha acción de goberno da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado a prol da reactivación do estaleiro de Fene como industria naval civil.
Coincidindo coa recollida de sinaturas e coa tramitación da ILP, en resposta a varias iniciativas parlamentarias, o presidente do Goberno español, adquiriu en tres ocasións o compromiso político perante o Pleno da Cámara de que desde a Presidencia da Unión Europea faría o traballo necesario para levantarlle o veto á antiga Astano.
Por outra parte, en maio do 2009, o Congreso dos Deputados aprobou a seguinte resolución: “Apertura dun proceso negociador para revisar os acordos do ano 2004, que limitan até o ano 2015 a actividade produtiva do estaleiro de Fene a terefas auxiliares do estaleiro Navantia-Ferrol, coa finalidade de que o estaleiro de Fene poida desenvolver plenamente as súas actividades produtivas en todos os ámbitos da construción naval civil”.
Transcurrido case medio mandato da Presidencia da Unión Europea, Rodríguez Zapatero non realizou aínda ningunha xestión para suprimir as limitacións que pesan sobre o estaleiro de Fene. E non só iso, senón que o ministro de Industria declarou en dúas ocasións no Senado que o Goberno non decidiu aínda se pedirá á UE o fin do veto ao estaleiro de Fene e deixou ver, ademais, que o executivo español non tiña vontade de realizar ese traballo.
Esa é a razón pola que Rumbo21 tomou a iniciativa de impulsar unha gran mobilización comarcal o próximo sábado 27 de marzo, buscando a implicación do conxunto da sociedade e das diversas institucións, organizacións e asociacións que a representan.
Por todo o anterior, recollendo a preocupación das máis de 18.000 persoas que asinaron a ILP, Rumbo21 solicita que a Corporación Municipal de Fene adopte os seguintes acordos:
1.- Demandar do Presidente do Goberno do Estado que, aproveitando a Presidencia de turno da Unión Europea, e tal e como se tiña comprometido diante da Cámara, inicie xa as xestións políticas para o levantamento do veto á construción naval civil no estaleiro de Fene.
2.- Expresar o apoio da Corporación á mobilización comarcal que convoca Rumbo21 para o sábado 27 de marzo baixo o lema Pola creación de Emprego / Por un sector naval con futuro / Levantamento do veto XA!
3.- Facer un chamamento institucional á cidadanía para que participe na manifestación do día 27 de marzo, publicando un anuncio nos xornais de maior tirada, na web e na radio municipais dos puntos 1 e 2 incluíndo o sentido do voto de cada grupo político,
4.-Realizar unha pancarta có texto: O concello de Fene con Rumbo 21-Fene contra o veto! có logotipo institucional, para ser levada polos representantes municipais no acto da mobilización e manter colgada da pasarela do concello por espazo da presidencia europea de Zapatero, unha vez finalizada a mobilización.
5.- Facilitar a participación na manifestación dos veciños de Fene poñendo os medios de transporte necesarios a disposición da Comisión Promotora Rumbo 21.
6.- Unha vez finalizado o veto para a actividade civil, o Concello de Fene esixe que calquera cambio que se puidera producir na titularidade actual do estaleiro pase necesariamente polo diálogo e o consenso, en primeiro lugar, cos/as representantes dos traballadores e traballadoras de Navantia Fene e tamén polo diálogo e o consenso entre as distintas formacións políticas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario