martes, 2 de diciembre de 2008

Remata o proceso de elección das obras relativas aos orzamentos participativos

Na imaxe, un momento do encontro, onte en San Valentín, da mesa técnico cidadá e mebros do Cimas

Diario de Ferrol
Fecha de publicación:2/12/2008

O proxecto piloto de orzamentos participativos posto en marcha en Fene hai uns meses, chega a súa recta final coas derradeiras reunións entre veciños, o enxeñeiro técnico municipal e membros do Cimas para decidir as obras que se farán con cargo aos orzamentos participativos o vindeiro exercizo. Estes traballos serán os escollidos pola maioría dos veciños.

O proceso piloto para a elaboración duns orzamentos participativos en Fene chega estes días á súa recta final, é dicir, ás primeiras conclusións sobre as obras que os veciños queren que se fagan con cargo a unha parte dos orzamentos relativos ao próximo exercizo. Así, na tarde de onte, reuniuse, no Centro de Promoción Social de San Valentín, a denominada como Mesa Técnico Cidadá, que está integrada por sete persoas que asistiron ás primeiras reunións sobre os orzamentos; responsables do Cimas, que é o observatorio dependente da Universidade Complutense de Madrid que se encarga da posta en marcha destes proxecto, ademáis do exeñeiro municipal do Concello fenés e os veciños desta parroquia.

Dende a concellería de Participación Cidadá, encargada da posta en marcha destes orzamentos, explican que tralas primeiras xuntanzas e o traballo en equipo elaborouse un listado de proxectos que os veciños entendían como prioritarios en cada unha das parroquias. Este conxunto de posibles actuacións pasou por unha segunda criba mediante votación veciñal, e un terceiro filtro, xa que algunhas das obras seleccionadas xa se atopaban incluídas nalgún dos plans de obras do Concello e a Deputación.

Así mesmo, segundo informan dende o Concello, xuntando entón unha decena de posibles intervencións, os técnicos municipais xa elaboraron os informes economico-técnicos máis pormenorizados de cada unha delas para que entre a sesión de onte en San Valentín e a de hoxe en Sillobre se poida deliberar, xunto cos integrantes da mesa, cales son as obras que, por decisión veciñal, se van realizar a partir do vindeiro ano. O alcalde fenés, Iván Puentes, destacaba “a enorme acollida que entre os veciños e veciñas está a ter este proceso, dato que volve a deixar patente a alta participación na vida política e social dos feneses e fenesas”.

Puentes tamén explicaba que esta primeira experiencia, unida ao feito de “ser o único Concello galego adherido á Rede Estatal Polos Orzamentos Participativos” fará posible que para o ano se poida facer nun maior número de parroquias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario