domingo, 9 de junio de 2013

Declaración Institucional do Concello de Fene


De apoio á folga xeral comarcal do 12 de Xuño
A situación da nosa comarca atópase nunha fase crítica xa que á grave crise xeral existente en Galiza hai que engadirlle as políticas de destrución dos nosos sectores produtivos, que levaron a un progresivo aumento do índice de desemprego que neste momento chega ao 32% , 10 puntos por riba da media galega – o progresivo aumento da emigración da nosa mocidade e, en definitiva, á depauperación económica e social no ámbito comarcal.
- Que perante esta situación, os diversos gobernos – tanto o do estado como a Xunta – non están a propor iniciativas políticas na defensa dos nosos sectores produtivos; mesmo incumprindo claramente os compromisos que se tiñan feito no seu momento a respecto dalgún deles, como o naval, o eólico, etc……, ademais dos recortes sociais, sanitarios educativos postos en marcha nos últimos 3 anos.
- Que, como representantes da cidadanía afectada por esta situación, entendemos que non só non debemos de permanecer ao marxe; senón que mesmo cúmpre que adoptemos unha posición activa na denuncia desta situación e na exixencia de medidas concretas aos gobernos para trocar esta situación.
Por todo o exposto os grupos políticos con representación no concello, PP, PSdeG-PSOE, BNG e EU-IU  declaramos;
1.- O noso apoio á convocatoria de Folga Xeral para o dia 12 de Xuño, así como o compromiso de favorecer desde a institución municipal o chamamento á participación da mesma ao conxunto da cidadanía do noso concello.
2.- A exixencia aos gobernos de do estado e a Xunta para a concreción de medidas e prazos para abordar iniciativas na defensa do emprego e dos nosos sectores produtivos.
3.- O chamamento ao conxunto da cidadanía comarcal a conformar un movemento amplo de presión e negociación para concretar os compromisos dos diversos gobernos coa nosa comarca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario